Congreso

O BNG reclama a depuración de responsabilidades políticas e técnicas no accidente do Alvia

Vítimas Alvia
Néstor Rego e Ana Miranda mantiveron un encontro coa asociación de vítimas de Angrois para reiterarlles o compromiso do Bloque coa verdade e a xustiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a Portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, expresaron o seu firme compromiso de “chegar até o final” na busca da verdade e a xustiza a respecto do accidente do Alvia, acontecido hai case sete anos e no que faleceron 81 persoas e 144 resultaron feridas. Así o subliñaron na reunión que mantiveron esta tarde con representantes da Asociación de Vítimas do Alvia 04155, onde Miranda e Rego lles presentaron a iniciativa rexistrada esta semana no Congreso.

“Consideramos imprescindible que se depuren as responsabilidades técnicas e políticas do accidente do Alvia, tal e como acaba de acontecer co accidente do metro de Valencia”, salientou Ana Miranda, quen resaltou ademais que é necesario desenvolver un traballo conxunto entre os representantes do BNG nas diferentes institucións encamiñado a esclarecer as causas profundas do accidente. “Coa presentación desta iniciativa, Néstor Rego da continuidade ao traballo desenvolvido polas anteriores deputadas do BNG, en especial, Rosana Pérez”, explicou.

Para a portavoz do BNG en Europa resulta imprescindible que nos próximos consellos de ministros o goberno aprobe un plan de acción que dea resposta ao procedemento de infracción aberto hai un ano pola Comisión Europea por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria mediante un decreto dotado co correspondente orzamento para executalo. Lembra que este procedemento de infracción foi consecuencia da denuncia presentada na UE polo BNG por incumprimento da normativa comunitaria.

“Ninguén discute xa que houbo erros de seguridade que provocaron o terrible accidente de Angrois, polo que é ineludible que o Estado cumpra coas esixencias da Comisión Europea”, afirma Ana Miranda, quen apunta que se despois das prórrogas concedidas para cumprir o requirimento, a Comisión Europea pode levar o caso ao Tribunal de Xustiza Europeo de Luxemburgo.

Investigación imparcial e independente

Neste sentido, o deputado Néstor Rego destacou a importancia do traballo levado a cabo polas súa antecesora Rosana Pérez no Congreso así como por Ana Miranda en Bruxelas no obxectivo de “esclarecer a verdade do accidente”. Así, explicou que na iniciativa presentada polo BNG pregunta ao ministerio de Fomento cando e como se vai desenvolver a investigación imparcial e independente por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) tal e como reclamou a Comisión Europea despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) establecese no 2016 que a investigación realizara non fora independente.

“O actual goberno ten que distanciarse da xestión dos gobernos anteriores neste tema. Ten unha oportunidade histórica de facer as cousas mellor”, asegura o deputado nacionalista, quen considera que “xa non hai escusas para cumprir as directrices que marca Europa e implementar as medidas de seguridade e control de riscos necesarias para evitar outro accidente como o de Angrois”.

A iniciativa rexistrada polo deputado do Bloque tamén pregunta ao Ministerio de Transportes cando vai cesar aos membros do CIAF “por deixadez de funcións despois da modificación normativa do 2015 e a exixencia de realización dunha investigación independente”, así como se no marco da investigación técnica independente vaise dar audición ás vítimas do accidente. “Queremos saber tamén que información enviou o goberno a Bruxelas para cumprir coas directrices do procedemento de infracción”, engadiu Rego.