BNG reclama a Cultura un cambio de rumbo e que actúe como o paraugas que una o sector do libro e axude á súa proxección
Mercedes Queixas lamenta a renuncia do Goberno de Rueda a se implicar, da man do sector, na difusión e na externalización da nosa literatura
A deputada do BNG Mercedes Queixas reclamou á Consellería de Cultura un “cambio de rumbo” na súa política de apoio ao libro galego e reclamoulle, neste sentido, que volva ser o paraugas que una a todo o sector fuxindo da confrontación dos últimos tempos.
A deputada nacionalista fixo esta petición no transcurso dunha pregunta ao director xeral de Cultura, Manuel Anxo Lorenzo, pola “renuncia” do Goberno galego a se implicar, da man do sector do libro, na súa difusión e na externalización da “prestixiosa literatura galega”, tal e como se evidenciou a longo deste ano tanto nos certames internacionais do libro aos que a Xunta acudiu con stand como, sobre todo, naqueles outros nos que declinou participar, como foi o caso da feira de Francfort ou de Liber en Barcelona.
Unha renuncia que, subliñou, queda tamén clara nos orzamentos, tanto deste ano e dos anteriores como dos que están a piques de ser aprobados para o 2025 coa maioría “absoluta e absolutista” do Partido Popular, que rexeitou todas as emendas do BNG. Para a participación en feiras internacionais do libro, o proxecto orzamentario do PP reserva tan só 257.000 euros, a mesma cantidade ano tras ano desde 2020, criticou Queixas, lembrando que o último orzamento aprobado polo Goberno de coalición no que o BNG dirixía a Consellería de Cultura contemplaba 308.000 euros nesta partida.
Referiuse, así mesmo, á partida “absolutamente exigua” de subvencións para autores, tan só 30.000 euros que “non están a altura dos obxectivos que se queren conseguir”, pois son poucos os beneficiarios e tan só se conceden axudas de 500 euros no caso de certames en España, 900 se son na UE e 1.600 fóra da Unión Europea.
A deputada nacionalista criticou, por outra banda, a política de “confrontación” que mantén a Consellería de Cultura co ámbito editorial, da autoría, do sector da tradución ou da ilustración. “Unha confrontación que non beneficia a ninguén e actúa como freo ao fortalecemento do sector”, considerou, engadindo neste punto que “un Goberno ten que ser capaz de superar as discrepancias e tender pontes, non dinamitalas publicamente como, infelizmente, temos visto”.
Reclamou así ao novo conselleiro que se reúna co sector e contribúa coas súas políticas á difusión e recoñecemento da literatura galega. “Un bo xesto tería sido, por exemplo, que o presidente Rueda se dignase a felicitar publicamente a Manuel Rivas, un dos nosos autores máis internacionais que acaba de recibir o Premio Nacional das Letras Españolas”, manifestou.
Como exemplo da “renuncia” da Xunta do PP a abandeirar o recoñecemento e difusión no exterior da literatura galega, Queixas referiuse á Feira de Guadalajara, en México, á que acudiu unha delegación de tan só 5 autores, 4 autores e unha autora, dos que dous utilizan exclusivamente o castelán nas súas obras. “Foi triste ver como a delegación autorial galega máis grande e máis representativa estaba convidada polo Ministerio de Cultura e non pola Xunta”, lamentou, subliñando que a de Guadalajara é a feira máis importante de América Latina e unha “ponte de irmandade fundamental”.
A portavoz nacionalista de Cultura concluíu emprazando ao Executivo de Rueda a “intentar poñer algún tipo de remedio” aos estudos que apuntan só o 3,1 % dos galegos e das galegas prefire ler na lingua do País o que se publican agora a metade de títulos en galego que en 2008. Só oito de cada cen libros vendidos en Galiza está en galego.