O BNG reclama á CRTVG emitir máis Cinema en galego e menos reposicións "caducas"
Para a deputada, Ana Pontón a CRTVG non aposta polo cinema galego, abusa de reposicións antigas e non ofrece unha programación actualizada para o sector infantil e xuvenil.
A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta en Comisión ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo relativa ás adxudicacións en dobraxe e os procedementos de adxudicación da produción propia e publicidade.
A parlamentaria destacou que no sector da dobraxe destruíuse emprego afectando a máis de 200 familias a pesar de existir un sector estruturado entorno a CRTVG que por mor de non adxudicar os orzamentos comprometidos, agrava a situación.
Outra cara do problema, dixo, é o tipo de programación que se está a ofertar en galego. A TVG emite un 13,56 por cento da súa programación dobrada pero o 80% do total das horas emitidas corresponden a reposicións. A deputada afirmou que a CRTVG só executa o 35 por cento da cantidade prevista anualmente para dobraxe ao que sumou o incumprimento da Lei por parte da Compañía no que atinxe á produción, dobraxe, subtitulación e exhibición de películas en lingua galega.
Reposicións con produtos caducos
A CRTVG, explicou a nacionalista, ten unha emisión media de produtos dobrados semellante ao resto das cadeas con 14,5 horas semanais máis cando analizamos o que se emite constatamos que o 80% das horas corresponden a reposicións con produtos caducos. por outra parte, recalcou, a CRTVG non aposta polo cinema galego polo que non podemos ver películas de grande éxito en lingua galega porque non existe esa oferta. Mentres no resto das cadeas emitían Harry Poter no Nadal a horas de máxima audiencia a TVG subordinaba a película a un horario sen sentido, criticou.
Vostedes non traballan para que o sector infantil e xuvenil conte cunha oferta de calidade e desaproveitan o papel normalizador da lingua galega, non executan orzamentos e fan unhas emisión de dobraxe antigas, ese é o triste legado que vostede vai deixar na CRTVG.
Sánchez Izquierdo afirma que o cinema dobrado non funciona en Prime Time
Sánchez Izquierdo asegurou que a Televisión de Galiza está a facer un grande esforzo coa dobraxe por riba de España e Europa. A dobraxe que se fai en Europa é nas grandes linguas, inglés, francés, alemán e italiano, o resto das linguas non fan dobraxe, fan versións subtituladas.
Sobre a reclamación de Pontón de emitir máis produtos de cinema en Prime Time, o titular da CRTVG argumentou que non se emiten porque non funcionan, polo contrario o que si funciona, dixo é a produción propia externa e as reposicións.
Para a parlamentaria o directo xeral demostra estar fora da realidade e resulta indigno afirmar que a lingua galega é inferior ao inglés ou as grandes linguas que nomeou na súa intervención. Unha parte do problema ten que ver con esa consideración que vostedes teñen da lingua galega. Os cataláns teñen produtos importantes en lingua catalá pero o Goberno galego decidiu non facelo e detrás desa decisión hai un problema ideolóxico e da política que queren facer na CRTVG.
A parlamentaria reiterou a importancia da dobraxe sobre a normalización lingüística. Pontón rematou a súa intervención preguntando a canto ascenden as adxudicacións e o código de produción allea co importe entre maio do ano 2014 e 2015 para coñecer o que se adxudica cada ano.