O BNG reclama a CRTVG un debate "a dobre volta" entre candidat@s e en horario de máxima audiencia
A coordinadora da campaña electoral do BNG, Goretti Sanmartín sumou a esta reclamación a celebración de debates provinciais entre os cabezas de lista das forzas que concorren as elección do 25S
Sanmartín que compareceu en rolda de prensa reclamou un debate a dobre volta entre os candidatos das principais forzas políticas co fin de contrastar propostas e programas e explicou que, a quince días dunha campaña electoral resultaría unha broma de mal gusto que o BNG participara en debates de máxima audiencia en todos os medios excepto na Compañía de Radio Televisión Galega que pagamos entre todos e todas e que debe estar ao servizo do pobo galego.
Queremos debates serios en formatos de máxima audiencia e non simulacros de debates en horarios intempestivos e nos que a maior parte da xente está a traballar. O debate, reiterou, debe ser a dobre volta entre candidatos e candidatas das principais forzas políticas que concorren ás eleccións e nese horario de máxima audiencia para poder trasladar alternativas e propostas.
Ademais deste debate xeral, a coordinadora da campaña electoral do BNG asegurou que é necesario que se celebren debates entre os candidatos e candidatas das diferentes provincias para contrastar as propostas vinculadas a outros territorios e que as veciñas e veciñas das respectivas circunscricións electorais teñen dereito a coñecer.
Queremos que Feijóo dea a cara
Para a coordinadora da campaña do BNG, Feijóo non pode seguir utilizando a TVG como o seu gabinete de prensa e debe dar a cara nun debate a dobre volta co resto dos candidatos para que os galegos e galegas podan recoller as propostas dunhas e outras forzas política e poder decidir dende a liberdade e a información
Goretti Sanmartín remarcou o papel dos medios públicos como vehículos fundamentais de información polo que reiterou a necesidade de celebrar debates que transmitan propostas de futuro para o pobo galego ante a sangría da emigración da mocidade, a deterioración dos servizos públicos, pola sanidade, polo comezo do período escolar, con que recursos imos contar para un ensino público e de calidade, o desemprego, e coñecer as medidas que queren aplicar as diferentes forzas políticas a este respecto. Sanmartín tamén se referiu á corrupción da que dixo, nós queremos debater sobre esta cuestión e que a xente coñeza as diferentes alternativas das forzas políticas. Non nos vale un debate feito dende Madrid nin tampouco un simulacro de pacto anticorrupción protagonizado por un partido imputado. A credibilidade que nos ofrece este teatro, entre Partido Popular e Cidadáns é nula.
Debates con propostas programáticas, solucións e esperanza para que este país teña futuro, poida decidir por si propio porque é un país rico e con recursos que as veces non nos deixan desenvolver, concluíu.