BNG reclama no Congreso medidas para salvar o sector pesqueiro da Galiza tras o acordo do Brexit
Néstor Rego propón corrixir os criterios de repartición da Reserva de Axuste Brexit para aqueles territorios máis afectados que dependen da pesca.
A formación nacionalista insta o Goberno do Estado a transferir a xestión dos fondos pesqueiros á Xunta de Galiza e crear plans de soporte económico e social para o sector.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a través de varias iniciativas na cámara baixa incrementar as Reservas de Axuste destinado ao sector pesqueiro e corrixir os criterios de repartición para teren en conta as zonas máis afectadas polo acordo e máis dependentes da pesca. Así mesmo, Rego urxe transferir a xestións dos fondos pesqueiros á Xunta de Galiza e programar plans de soporte económico e social para o sector e ás zonas máis afectadas polo acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido.
In extremis foi o acordo acadado que entrega 25% das cotas de pesca europea ao Reino Unido a cambio do acceso ás súas augas durante cinco anos e medio. Estas medidas supoñen un enorme agravio para o sector pesqueiro galego que cualifican de “moi negativas” as consecuencias do acordo, agora- posto que aínda non existe un acordo sobre as cotas de 2021 prorrogándoas até o mes de xullo- e para o futuro.
“Máis de 70 barcos dos 88 totais do Estado español que pescan en augas británicas pertencen á frota galega sumando tamén os buques nas Malvinas. Máis de dúas mil persoas que traballan ás que se lle suman os barcos de bandeira británica mais de capital galego” enfatiza o deputado nacionalista. Un informe da Universidade de Santiago calcula que o impacto económico do Brexit sobre a pesca galega é de 535 millóns de euros. As perdas estimadas dos barcos galegos superan os 9 millóns de euros só neste ano, “cantidade que podería aumentar se o TAC diminuíra”.
O Consello da UE acordou un paquete de axudas para o sector que ascendía a 5.000 millóns de euros para aquelas empresas afectadas que constituían a Reserva de Axuste do Brexit (BAR). Mais no reparto destas axudas, tan só 0,25% do total dos fondos pesqueiros chegou ao Estado español a pesar de que “as capturas dos barcos do Estado español en augas británicas representan 1% do conxunto da frota europea”.
“Os criterios de repartición empregados son o valor das capturas no Reino Unido por cada Estado membro ponderado pola súa dependencia das augas británicas” subliña Rego. Así mesmo, o deputado explica que non se teñen en conta outros caladoiros fóra dos do Gran Sol como, por exemplo, as Malvinas ou, tampouco, a cesión da cota de bacallau de Svalbard onde a frota do Estado español perdeu parte importante das posibilidades de captura que acaparaba.
Por outra banda, a proposta prevé distribuír o orzamento total en dúas asignacións. Unha este ano, de ao redor 4.000 millóns en forma de prefinanciación, e outra, de 1.000 millóns a partir do ano 2024, para cubrir o gasto que supere a asignación inicial, sen ter en conta que o propio acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido termina en xuño de 2026.
“Son uns criterios de repartición absolutamente cuestionábeis e discriminatorios, un orzamento para o sector absolutamente insuficiente en relación co total da Reserva de Axuste e totalmente irrisorio no caso do Estado español que afectará gravemente a Galiza se non se corrixe” afirma o deputado da frente nacionalista. Co Regulamento da Reserva de Axuste do Brexit, “unha vez máis volve agraviarse á frota pesqueira galega, sobre a que xa pesa a distribución anual de TACs da propia UE, a perda de dereitos e a posibilidade de pesca continuada, os altos custos da carga regulatoria que sofre e, agora, a perda de novas cotas que non se van a recuperar xunto á incerteza de quedar a expensas dunhas negociacións anuais despois do 2026 que lle impiden planificar o seu futuro e que condicionan os seus investimentos”.