parlamento europeo

BNG reclama compromisos para blindar a continuidade de Conxemar en Vigo e acoller a oficina da FAO

Visita CONXEMAR
A fronte nacionalista esixe cooperación de todas as Administracións públicas para garantir o futuro deste evento de referencia

O Bloque Nacionalista Galego reclama compromisos para blindar a continuidade de Conxemar en Vigo e tamén para acoller a oficina da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO). Así o anunciou este venres a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e a deputada no Parlamento galego, Carmela González, tras manter unha xuntanza co presidente de Conxemar, Eloy García, e coa súa directora xeral, Yobana Bermúdez.

Dende a fronte nacionalista esixiron a cooperación de todas as Administracións públicas para garantir o futuro deste evento de referencia do sector pesqueiro e mar-industria, a poucos días de celebrarse a súa 24ª edición na cidade. “É necesario un maior esforzo para asegurar a continuidade estratéxica de Conxemar, para que siga sendo sinónimo de Vigo”, demandou o voceiro municipal do Bloque.

Na mesma liña, a eurodeputada nacionalista anunciou que vai trasladar a importancia desta feira ao ministro español de Pesca, Luis Planas, que estará presente na vindeira Comisión de Pesca do Parlamento europeo. “Conxemar debe ter o apoio que merece como unha das feiras máis importantes do mundo en materia pesqueira”, salientou Miranda. E tamén no Parlamento galego para instar á Xunta a que se comprometa de verdade con este evento, que representa un sector “chave” para Vigo e para Galiza.

Oficina da FAO en Vigo

Outro dos asuntos tratados na xuntanza tivo a ver coa posibilidade de que Vigo acolla unha oficina da FAO. Dende o BNG lamentaron nese sentido a falla de avances nunha cuestión que cualificaron como “moi relevante” para unha cidade como Vigo, cun dos principais portos pesqueiros a nivel mundial. “É o momento de pasar das palabras aos feitos, non abonda con declaracións de boas intencións”, afirmou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista anunciou que, entre outras iniciativas, o Bloque vai promover unha declaración institucional para que o Concello de Vigo envíe unha mensaxe “unánime e de cidade” para reclamar un compromiso decidido de todas as Administracións públicas, a principiar polo Goberno español, para albergar esta oficina da FAO.