BNG reclama a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade diante da “gravísima” situación da Atención Primaria
Vén de solicitar a convocatoria da Deputación Permanente da Cámara pola vía de urxencia para que a Xunta dea conta das decisións adoptadas
Montserrat Prado, portavoz de Sanidade: “a dramática situación que temos agora é froito do desestimento do Goberno do PP á hora de tomar medidas”
BNG vén de solicitar a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento galego coa fin de convocar un Pleno extraordinario no que compareza o conselleiro de Sanidade para dar conta das medidas adoptadas diante da “gravísima situación de colapso na que se atopa a Atención Primaria, en especial na área sanitaria de Vigo”.
Neste sentido, a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, cualifica de “inaceptable” a decisión do Goberno do PP de suspender a actividade asistencial e deixala reducida a casos COVID e urxencias en 14 centros de saúde desta área sanitaria, unha decisión que, segundo advirte, “deixa ás e aos profesionais vendidos, sen mans para atender tanta demanda”, supón “un grave risco para a saúde das persoas con outras patoloxías que quedan sen atender” e aumenta “a desesperación de profesionais e doentes”, transferindo “ a presión a PACs e Urxencias hospitalarias, que xa están ao límite”.
“O BNG ten moi claro que esta dramática situación é consecuencia de 12 anos de recortes e de non tomar medidas; 12 anos de desestimento do PP á hora de actuar”, reproba para a continuación engadir que “a improvisación e a falta de planificación que ten caracterizado ao Goberno de Núñez Feixóo durante toda a pandemia volve a poñerse de manifesto”.
A deputada nacionalista considera urxente a comparecencia do titular de Sanidade para que a Xunta dea contas “de cal é a alternativa que lle dá á cidadanía para ser atendida porque -recalca- a saúde das persoas non pode agardar”. Nesta liña reclama tamén ao Goberno do PP que explique “a que agarda para poñer en marcha medidas estruturais como é aumentar o orzamento da Atención Primaria ata chegar ao 25%, poñer en funcionamento as carteiras de servizo de todas as categorías profesionais ou incorporar novas categorías imprescindibles como son as de psicólogxs clínicxs, terapeutas ocupacionais, logopedas ou traballadorxs sociais” ou como vai rematar “coa precariedade na contratación que ten como consecuencia que a metade das e dos profesionais que remataron o MIR de Familia e Comunitaria non estean traballando na Atención Primaria”.