xerais 2023

BNG reclama a cesión gratuíta a Galiza das vivendas da Sareb para ofertar en aluguer a prezos accesibles

Vivenda

Ana Pontón acusa ao PP de dinamitar a política social de vivenda porque só adxudicou 40 entre 2015 e 2020, non as 2.500 que dixo o candidato Feijóo na televisión

Rego pide o voto para o BNG a todas as persoas que queren unha Galiza na que o acceso á vivenda non sexa misión imposible para a mocidade

A portavoz nacional, Ana Pontón,  compartiu almorzo con Elia e Olalla, dúas mozas traballadoras que comparten piso en Compostela, encontro que aproveitou para denunciar que o acceso a unha vivenda estase a  converter en “misión imposible” para milleiros de galegos e de galegas, para a xente moza que busca emanciparse pero tamén para familias con salarios baixos e incluso medios “ante a subida imparable dos prezos”. 

Pontón denunciou que o PP leva en Galiza catorce anos de “brazos cruzados” nesta materia mentres os cidadáns soportan subidas no prezo do alugueiro de arredor do 30%. Un encarecemento que se fai notar especialmente nas cidades como Santiago, que sofre ademais as consecuencias do fenómeno dos pisos turísticos. 

“O PP dinamitou a política social de vivenda”, subliñou, porque aínda que prometeu 870 novas vivendas de promoción pública no plan 2015-2020 finalmente foron adxudicadas menos de 40. Cos datos na man, acusou a Feijóo mentir “con total descaro” desde os estudos de televisión asegurando que construíu en Galiza 2.500 vivendas.

“Unha auténtica tomadura de pelo e unha falta de respecto aos miles de galegos e de galegas que levan esperando a ter acceso a unha vivenda que poidan pagar”, dixo sobre as mentiras de Feijóo, ao que lembrou que no País hai unhas 16.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes dun piso de promoción pública. “As súas mentiras non solucionan os problemas de acceso á vivenda nova nin das familias”, incidiu.

Pontón, que estivo acompañado pola alcaldesa Goretti Sanmartín e o candidato pola Coruña Néstor Rego, avanzou que o BNG defenderá no Congreso a través do grupo galego forte a cesión gratuíta a Galiza das vivendas da Sareb, para a súa xestión directa desde aquí e poder ofertalas en aluguer a prezos accesibles. A líder do Bloque destacou o da cesión gratuíta, porque “sería unha estafa ter que pagar por unhas vivendas polas que xa pagamos a través dun rescate bancario multimillonario”.

Neste sentido, fixo un chamamento a votar ao BNG o 23 de xullo a todas aquelas persoas que queren vivenda a prezos razoables nunha Galiza con salarios e pensións por debaixo da media, encher as urnas de papeletas do Bloque porque cada escano do BNG é un escano menos para un PP que boicoteou a política social de vivenda “e hoxe é a xente do común a que paga as consecuencias”.

“Feijóo deixou moi claro en Galiza como e para quen goberna. Aquí abandonou por completo a construción de vivenda pública e agora son os galegos e as galegas ás que pagan as consecuencias”, destacou tamén a portavoz nacional, engadindo que de terse mantido o ritmo de investimento en vivenda que había no 2009, cando o BNG xestionaba as competencias na Xunta, teríanse destinado 1.700 millóns de euros máis nestes 14 anos de goberno do PP.     

Garantir o dereito á vivenda

Pola súa parte, o cabeza de lista pola Coruña ao Congreso, Néstor Rego, insistiu tamén na necesidade de aumentar a oferta de vivenda para conter os prezos e lembrou que o BNG xa solicitou no Congreso a cesión da parcela de Peleteiro para desenvolver en Santiago un proxecto que crease vivenda pública en aluguer.  Para Rego, o acceso á vivenda "ten que ser un dereito mais, polo de agora non está garantido e, de feito, foi aprobada unha Lei de Vivenda que contén algunha mellora pero non soluciona o problema do encarecemento".

Nunha chamada ao voto “rebelde, inconformista e de País” para aglutinar na papeleta do BNG a forza que o País precisa para conseguir o trato xusto que até o de agora negaron os partidos estatais, Rego animou á mocidade, e a todas aquelas persoas que queren unha Galiza na que acceder a unha vivenda “non sexa misión imposible”,  a facer fronte común contra o PP de Feijóo e os seus amigos da ultradereita racista, machista e xenófoba.

“Neste momento, estamos disputándolle escanos ao PP en todas as provincias para conseguir un grupo galego forte no Congreso, un grupo orgullosamente galego que é posible se todas as persoas que votaron ao BNG nas pasadas eleccións municipais volve coller a papeleta do BNG este 23 de xullo. Cada escano máis do Bloque é un escano menos para o PP, por iso temos que encher as urnas de votos ao BNG porque é un voto que vale dobre: para defender Galiza e para derrotar á dereita máis ultra”, concluíu.