Congreso

BNG reclama que se cedan os terreos do Observatorio Meteorolóxico ao Concello da Coruña

Néstor Rego
Néstor Rego sinalou que esa leira unha vez cedida, cualificarase como zona verde e converterase nun parque público, dando así cumprimento a unha histórica demanda veciñal, o denominado Parque da Agra.

O Bloque Nacionalista Galego instou o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a realizar as xestións necesarias para que se cedan ou permuten os terreos, agora sen uso, do Observatorio Meteorolóxico ao Concello da Coruña, coa finalidade de cualificalos como zona verde e dar así cumprimento á demanda veciñal de convertelos nun parque público, o denominado Parque da Agra.

O deputado Néstor Rego explicou que como consecuencia da automatización levada a cabo no Observatorio Meteorolóxico da Coruña, “xa non é necesario para o desenvolvemento das súas funcións o uso dos terreos situados nos arredores do mesmo nin das instalacións alí existentes”. Pola contra, sinalou que “só deben conservarse na zona algúns dos aparellos de medición que seguen en funcionamento e para iso só é necesario manter un pequeno espazo protexido”. Ademais, esa leira xa era utilizada como zona de paseo polas e polos veciños da zona antes de que se decretase o estado de alarma, momento no que se pecharon as súas portas. Con todo, na actualidade segue sen permitirse o acceso a pesar de que as restricións de mobilidade fosen levantadas, polo que debese volver permitirse o seu uso recreativo como era habitual en tanto non se formaliza a cesión.

Os terreos do Observatorio sitúanse no barrio da Agra do Orzán, un dos máis populosos e densamente urbanizados da cidade, que padeceu desde as súas orixes as consecuencias dun urbanismo salvaxe e depredador debido ao cal segue sufrindo unha gran carencia de zonas verdes e espazos públicos na actualidade.

Rego salientou que conseguir que se poida materializar o proxecto dunha área verde no barrio utilizando os terreos sen uso do Observatorio, o denominado Parque da Agra, é unha actuación longamente demandada polos veciños e veciñas, que viría paliar a total carencia de zonas verdes e de uso público no barrio. “Para iso é imprescindíbel que o Goberno español realice as xestións necesarias para que se cedan ou permuten os terreos agora sen uso do Observatorio Meteorolóxico e que estes sexan cualificados como zonas verdes” subliñou.