BNG reclama axudas polos danos da velutina e insta á Xunta a implicar ao sistema investigador para a súa erradicación
Carme Aira demandou máis estudos científicos sobre o comportamento desta especie depredadora, avaliar, de maneira especial, a súa súa implantación na provincia de Lugo e revisar os protocolos da retirada de niños
Lamentou que o PP votara en contra da proposta do BNG para combater a praga da avespa asiática e defender aos produtores e produtoras gravemente afectados por esta especie depredadora
A deputada do BNG, Carme Aira defendeu na Comisión de Agricultura unha proposición non de lei instando á Xunta poñer en macha unha liña de axudas polos danos da avespa velutina, pola súa implantación en Galiza e de maneira especial na provincia de Lugo de gran produción melífera.
Nesta sentido, demandou unha maior implicación do sistema investigador para avaliar o número de niños desta especie, estudar o seu comportamento para determinar o mellor sistema para combatela atendendo ao seu ciclo biolóxico e co fin de preservar os insectos autóctonos.
Por outra parte, a nacionalista apelou a revisar os protocolos para a retirada dos niños, e do convenio coa FEGAMP e SEAGA para acadar unha maior viabilidade e efectividade cunha partida económica específica para este labor.
Aira lembrou que que un gran número de apicultores e apicultoras, profesionais e amateurs, precisan axudas para combater a consecuencias das avespas depredadoras pero estas axudas, puntualizou “non poden detraerse dos fondos do Plan Apícola”, deben ser aportados a maiores.
A iniciativa defendida pola deputada do BNG tamén incluía establecer medidas que eximan excepcionalmente ás persoas que se incorporaron á actividade agraria e que non puideran afrontar as perdas causadas polos ataques da avespa velutina antes do período de permanencia de obrigado cumprimento como das axudas agroambientais da PAC.
Este ano, explicou a parlamentaria nacionalista, o número de niños de velutina acadou un punto de esplendor pola súa implantación despois de 14 anos da súa chegada a Galiza e sen medidas para facerlle fronte. Ademais, a súa estabilización foi favorecida polas condicións climáticas.
Os ataques da avespa velutina producíronse nas zonas rurais e urbanas, nestas últimas “con severo perigo para as persoas”. No medio rural as consecuencias na produción foron inmediatas, coa perda de cantidade e calidade na produción e afectando tamén á seguridade laboral.
A depredación das abellas provocada por este tártago afecta directamente á polinización da que dependen os cultivos de vide e froitas con grandes perdas. As vides non precisan de polinización pero a podredume causada nos vagos son comidos polas avespas, dificultando a vendima porque se deben recoller só uvas sans o cal “enlentece a recollida, mingua a cantidade e pon en risco a calidade”, e a maiores pon en perigo a seguridade e a saúde das persoas que traballan nestas labores.
A provincia de Lugo gravemente afectada
A deputada do BNG reiterou que a provincia de Lugo é unha das máis prexudicadas por esta especie depredadora. Concretamente, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra elabóranse preto de 7 millóns de quilos entre 95 adegas. “Hai 7 delas que son o G-7 da Denominación de Orixe, que estarían entre os 700.000 e os 2,5 millóns de quilos, 4 ou 5 adegas sitúanse entre 80.000 e 120.000 quilos, pero despois hai outras 60 por debaixo de 25.000 e dentro desas 20 ou 25 con producións de 4.000 ou 5.000 kg con 65 e 75 viticultores que as provén de uva de pequenas parcelas de entre 300 e 500 metros cadrados difíciles de traballar”. Pero esta produción, advertiu a deputada, estase vendo comprometida co risco de abandono das viñas entre pequenos produtores e a posibilidade de que queden a monte. De perderse estes bancais desaparecerá a paisaxe da Ribeira Sacra que atrae ao turismo e que representa o 43% do PIB da comarca.
Por outra banda, os danos en cultivos froiteiros conducen tamén a enormes perdas e as velutinas están a “gañar a batalla na Mariña e noutras zonas costeiras como as de Pontevedra, o cal demostra que a retirada de niños non é suficiente”. Esta especie, recalcou, Aira, “cando acaba coas abellas pasa a cebarse nos froiteiros”. As avespas asiáticas comen ameixas peras, figos, uvas, amorodos, noces e mazáns. E nin que dicir ten que tamén existe afectación “no Val do Mao no Incio, que xa deixou a última colleita dos seus arandos ecolóxicos sen recoller”.
A apicultura na provincia de Lugo é pasto das velutinas
Neste sector, son os propios apicultores os que ante a falta de actuación da Xunta fanse cargo do trampeo na primavera, cuestión que consideran fundamental porque cada raíña capturada supón un niño menos. Os orzamentos de retirada de niños “son insuficientes” e durante o verán foron notificados 14.000 niños de velutina sen retirar. Esta situación é produto da descoordinación entre “Seaga e a Xunta, a Xunta e os concellos e os consorcios de bombeiros”, o que provocou que non fora retirado ningún niño dende o 30 de outubro, denunciou a deputada.
“Seaga non ten persoal nin medios suficientes e así llo traslada aos cidadáns que chaman para a retirada dos niños”, afirmou a nacionalista.
A xuízo da deputada, non é de recibo que sexan os e as profesionais da apicultura os encargados de facer a investigación, ensaio-erro, facer os trampeos, e defenderse como se poida, cando debería ser o goberno da Xunta o que coordinara esta loita porque afecta transversalmente á seguridade das persoas nunha dobre vertente, como cidadáns e como traballadoras e ao sistema produtivo, en termos xerais pola perda de insectos polinizadores.
A deputada criticou que a portavoz popular, Susana López Abella anunciara o voto en contra ás propostas do BNG e na quenda de réplica repetiu de novo os catro puntos recollidos na iniciativa nacionalista para combater a praga da avespa asiática e defender a apicultura, especialmente nas zonas de produción melífera, como a provincia de Lugo.