Parlamento Galego

BNG reclama axilizar a construción do edificio da Xunta en Ourense que leva décadas de retraso e o PP vota en contra

Iago Tabarés

Iago Tabarés, ao Goberno do PP: “Basta xa aos compromisos incumpridos e as demandas desatendidas da cidade de Ourense e da súa cidadanía”

O deputado do BNG Iago Tabarés reclamou ao Executivo en mans do PP que impulse a construción do novo edificio administrativo da Xunta en Ourense, un proxecto que non para de acumular retrasos e polo que a cidade das Burgas leva agardando xa máis de trinta anos, cando se anunciou esta infraestrutura.

Tabarés presentou o proxecto como un “botón de mostra máis” dos continuos incumprimentos do Goberno do PP con Ourense. “Basta xa de compromisos incumpridos con Ourense e coa cidadanía de Ourense. Basta xa de demandas desatendidas con Ourense e coa cidadanía de Ourense. Basta xa de demandas desatendidas, de recursos públicos subtraídos e dilapidados que padece Ourense e a súa cidadanía”, proclamou Tabarés durante a súa intervención.

En concreto, Tabarés defendeu na Comisión 1ª do Parlamento unha proposición non de lei, rexeitada polo PP, para instar á Xunta a “axilizar a construción dun edificio para albergar todas as dependencias administrativas da Xunta na cidade de Ourense” pois, tal e como subliñou, actualmente os servizos da administración galega están espallados en vinte inmóbeis situados en zonas diferentes da cidade, o que supón unha molestia para a veciñanza e un custe importante para as arcas públicas polo pago de rendas de alugueiro.

Ademais, tal e como destacou o deputado nacionalista, Ourense é hoxe en día a única cidade do País na que a Xunta non ten concentrados os seus servizos administrativos.

Durante a defensa da súa iniciativa, Tabarés lembrou que a promesa do edificio remóntase xa a finais do século pasado, cando en época preelectoral Manuel Fraga presentou o proxecto Ourense cara o Novo Milenio, proxecto que recolleu logo Feijóo como conselleiro de Obras Públicas no 2005 e que se reformulou no 2008 dentro do Aurea Verde. “Subido dun enorme furor anunciador” Feijóo volveu prometer o edificio no 2018, do que non se volveu saber até o 2021.   

A finais dese ano, o 30 de decembro, o Consello da Xunta aprobou a compra de catro parcelas no barrio das Lagoas -lugar diferente aos inicialmente previstos- para destinalas á construción dun edificio no que centralizar a totalidade das dependencias da administración galega. Á adquisición dos terreos destináronse 8,4 millóns de euros, cun sobrecusto -denunciou Tabarés- de arredor de dous millóns de euros. “Desa compra houbo un beneficiario claro – un “coñecido promotor urbanístico de Ourense”- e os prexudicados de sempre”, denunciou.

Xa en setembro de 2022, foi convocado un concurso de ideas, a nivel de anteproxectos, para a construción do novo edificio administrativo. Deste concurso resultou gañador, en marzo de 2023, o proxecto presentado pola UTE Díaz e Díaz Arquitectos, SLP e Castroferro Arquitectos SLP. Logo disto, a redacción do proxecto básico e de execución,  que foi adxudicada á gañadora do concurso de ideas nun procedemento negociado sen publicidade, debería estar executada nun prazo de seis meses.

“Transcorrido con creces o prazo máximo para a presentación do pronto e xa que logo para a licitación da construción, Ourense segue agardando por unha infraestrutura anunciada hai máis de trinta anos”, apúntase na iniciativa.

O deputado nacionalista lamentou o voto en contra dos deputados do PP, aos que lembrou a ladaíña de incumprimentos coa cidade das Burgas, destacando entre estes a recente negativa do Goberno de Rueda a que o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade sexa de xestión público.