BNG reclama o aumento das compensacións para Galiza como nación pesqueira máis afectada polo Brexit
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende o aumento dos fondos de compensación destinados a paliar as consecuencias do Brexit en Galiza, ao ser unha das nacións pesqueiras europeas máis afectadas pola marcha de Reino Unido. “Non pode ser que Galiza saia perdendo unha vez máis e que reciban máis fondos países con menos frota pesqueira. Non son as mesmas as consecuencias do Brexit para os portos galegos que noutros territorios”, subliña Miranda.
Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa critica o “reparto inequitativo dos fondos” e considera discriminatorio para Galiza que, por exemplo, outros estados con menos frota reciban boa parte dos fondos consignados pola UE. “Precisamente a polémica vivida esta semana na Comisión de Pesca entre, por un lado, Francia e España fronte ao resto dos países da UE puxo en evidencia cales son os problemas e a afectación para o sector”, sinala Ana Miranda a respecto da discusión entre os países costeiros sobre o reparto dos cartos do fondo de axuste do Brexit –polo que ao Estado español lle corresponden unicamente 2,2 millóns e a Dinamarca 156,5 millóns-.
“Para paliar a descompensación entre os distintos Estados Membros é fundamental que se teñan en conta as especificidades do sector. Non é o mesmo a situación de Galiza, nación costeira indiscutible, que outros territorios menos dependentes da pesca”, defende a portavoz do BNG en Bruxelas. Así, o BNG presentou diversas emendas na Eurocámara, a través da ALE, relativas á dependencia pesqueira de Galiza, a que os fondos sexan destinados aos territorios máis afectados e á xestión directa dos mesmos para evitar a excesiva centralización.
“Consideramos lóxico que a Xunta participe na xestión dos fondos e que non sexa o goberno central quen os xestione, xa que temos claro que a centralización non resolve os problemas do sector pesqueiro galego. Agora ben, a Xunta ten que poñerse as pilas se non queremos que Galiza siga discriminada”, sinala Ana Miranda, quen lembrou que o BNG leva anos alertando das nefastas consecuencias do Brexit para Galiza polo desleixo dos gobernos galego e estatal nas negociacións entre UE e Reino Unido.
Axudas para todos os subsectores
Por outro lado, para o Bloque é fundamental que nos fondos de compensación se teñan en conta os múltiples elementos que integran o sector pesqueiro galego, como son a industria extractiva, a transformadora e a comercializadora, pero tamén o transporte do peixe e os servizos. “As axudas teñen que chegar a todos os subsectores pesqueiros e alongarse até final de 2026”, salienta Ana Miranda.