BNG reclama aumentar en máis de 80 millóns de euros o investimento na comarca das Mariñas
Néstor Rego centra as emendas na dotación de infraestruturas como a construción do by-pass de Betanzos, a modernización dos camiños de ferro ou a implantación dos servizos de cercanías
A frete nacionalista aposta pola mellora da seguranza viaria, materia pendente dos distintos Gobernos do Estado, para eliminar os numerosos puntos negros da N-VI ao seu paso polos municipios da comarca
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023 focalizadas na dotación de infraestruturas e servizos, sobre todo en materia ferroviaria, que permita vertebrar e conectar a comarca das Mariñas co resto do País. Así mesmo, demanda a mellora da seguranza viaria para eliminar os puntos negros que se acumulan nesta comarca na N-VI e na N-651, así como mellorar o acceso da AP-9 en Abegondo e a súa gratuidade da portaxe en Guísamo (Bergondo).
Néstor Rego presenta as emendas para a comarca das Mariñas acompañado pola portavoz do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, a voceira da formación en Coirós, Pura Ferreño, o portavoz da asemblea local do BNG en Miño, Alberte G. Nicolás, e membros da organización nacionalista da comarca. Entre as emendas rexistradas, destaca a proposta para a implantación do servizo de cercanías ferroviarias nas principais cidades da Galiza e as súas áreas de influencia, tamén na comarca das Mariñas. “Non se entende como o Goberno do Estado contempla implantar este servizo noutras partes do Estado cun menor número de persoas usuarias potenciais, pero segue a negar que a área da Coruña-Ferrol, por exemplo, conte con este servizo” recrimina Rego.
“Durante décadas, o by-pass de Betanzos foi unha obra demandada pola veciñanza para reducir o tempo de viaxe da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol” lembra Rego. Trátase dunha mellora fundamental para a modernización desta liña, porén, o Goberno do Estado só contempla unha partida que non permitiría unha actuación efectiva para a construción da infraestrutura. “A proposta de partida para 2023 de 28 mil euros é irrisoria. Propomos unha partida de 20 millóns de euros para levar a cabo esta actuación tan necesaria” reivindica o deputado do BNG.
Tamén para afondar na modernización da liña de ferrocarril A Coruña-Betanzos-Ferrol, preséntanse emendas na que se reclama a electrificación e a implantación da dobre vía. “Hai que mellorar os accesos e o aumento dos puntos de cruzamentos que permitiría pór en marcha un sistema de frecuencias intensivos as proximidades ferroviarias, así como a recuperación de apeadeiros e estacións” destaca.
“Demandamos a modernización e mellora da liña A Coruña-Monforte, que pasa por Oza dos Ríos, Curtis e Teixeiro, así como o aumento das frecuencias para permitir utilizar este servizo -e o servizo de cercanías- para conectar estes concellos con Ferrol, Betanzos e A Coruña” subliña o deputado. Ademais, a vía do tren no centro de Oza dos Ríos ten un paso elevado sobre a estrada AC-840 a través dunha ponte moi estreita que provoca graves problemas de seguranza viaria pola falta dun paso seguro para os peóns.
No relativo á AP-9, a organización nacionalista defende estudar o enlace directo da autopista co termo municipal de Abegondo e a colocación de barreiras sonoras en Bergondo. “Os núcleos situados a carón da autopista precisan da instalación destas barreiras para evitar contaminación acústica” indica o candidato á alcaldía do BNG en Bergondo, David Carro.
“Defendemos tamén a gratuidade da AP-9 na portaxe de Guísamo, en Bergondo, até A Coruña porque as obras que se están a realizar está provocando múltiples problemas de mobilidades nos accesos e saídas da cidade, sobre todo na obra en Perillo (Oleiros) que se prevé unha duración de 3 anos. Pedimos a gratuidade porque a AP-9 é a única vía alternativa de entrada na cidade desde Bergondo e facilitaría a fluidez do tráfico durante as obras.
Por outro lado, en materia de medio ambiente, o deputado do BNG destaca a emenda para a rexeneración ecolóxica da Ría de Betanzos para mellorar a calidade da auga, a través da depuración e saneamento. “A rexeneración permitiría o uso da veciñanza das praias e a recuperación de bancos marisqueiros. Isto último favorecería aumentar a produción e demanda de mariscadores e mariscadoras” destaca Rego.
Mellora da seguranza viaria
Paralelamente, demandan a redacción dun novo proxecto para a mellora da seguranza viaria na N-651 ao seu paso polos concellos de Betanzos, Paderne e Miño. “O punto máis conflitivo desta estrada é o cruzamento coa AC-164 en Souto, no concello de Paderne, e mesmo en Insua, no mesmo municipio, mais o Ministerio non contempla ningún estudo nin proxecto para a súa mellora” denuncia Néstor Rego.
Nunha das emendas, a frente nacionalista demanda a mellora da seguranza viaria en varios puntos da N-VI nos concellos de Coirós, Bergondo, Aranga e Betanzos. “O Estado comprometerase con dotar, no proxecto de orzamentos de anos anteriores, de partidas específicas que permitiran eliminar os puntos negros especialmente perigosos mais nunca chegaron a materializarse” explica o deputado do BNG.
Neste sentido, a portavoz BNG no Concello de Coirós sinala a necesidade de actuar no cruzamento de Queirís. “É unha promesa recorrente do Goberno estatal mais que nunca chega a executarse. A día de hoxe o proxecto atópase pendente de resolver as alegacións, despois de anos de mobilizacións e recollida de sinaturas por parte da veciñanza” lembra.
Así mesmo, no termo municipal de Bergondo, o candidato á alcaldía, David Carro, propón a construción dunha pasarela peonil no Espírito Santo -frente a Escola de Capacitación Agrícola- para atravesar de maneira segura a N-VI. “Esta infraestrutura é moi demandada pola veciñanza, sobre todo por parte do estudantado” incide Carro. Así mesmo, explica o candidato á alcaldía, é necesario eliminar o punto conflitivo do punto de vista da seguranza na rotonda en Cortiñán.
“Existen máis puntos a mellorar a seguranza viaria na N-VI como o paso por Angustia, no Concello de Betanzos, ou ao seu paso pola Castellana no municipio de Aranga. Tamén cando atravesa a zona urbana, onde sería importante un estudo para a mellora da seguranza dos peóns” salienta Rego.
Dotación de novos espazos para Betanzos
“O edificio sindical de Betanzos, propiedade do Ministerio de Traballo, está pechado na actualidade debido a que os sindicatos renunciaron ao seu uso. Na actualidade, o edificio atópase nun grave estado de abandono polo que entendemos que o Goberno debe realizar unha rehabilitación do inmóbel, ao tempo que se desafecta e transfira a súa titularidade, de maneira gratuíta, ao Concello” defende a portavoz do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez.