BNG reclama aumentar e actualizar a oferta formativa do Instituto Social da Mariña
BNG rexistra no Congreso iniciativas para demandar ao Instituto Social da Mariña que facilite a realización de cursos de mantemento de competencias e garanta que se poidan cursar en centros públicos. Así mesmo, o deputado nacionalista reclama o aumento da oferta e que se poda compatibilizar a realización da formación co traballo, evitando que se perdan xornadas no mar.
Despois da última reforma do Convenio Internacional sobre as Normas de Formación, Titulación e Garda para a xente do mar en 2012, pasou a exixirse de maneira obrigatoria a actualización de determinados certificados como os de suficiencia ou os de formación sanitaria e primeiros auxilios, establecéndose un período de implantación até 2017,
Estas formacións impártese nos centros do Instituto Social da Mariña mais este organismo aínda non aumentou o número de prazas e cursos para dar solución á demanda e facilitar, desta maneira, as renovacións. En 2020 caducaban os certificados expedidos en 2015 mais a reducida oferta e a pandemia paralizaron os cursos por completo. A pesar de que o ISM prorrogara a validez dos certificados, nun intento de dar marxe á renovación, en 2021 a situación empeorou chegando a suspenderse varios cursos alegando que non atopa profesionais que os poidan impartir.
“É inadmisíbel que a Administración do Estado non sexa capaz de solucionar o problema e exixa aos traballadores que realicen os cursos en centros privados se queren seguir traballando” recrimina o deputado do BNG. Estes centros supoñen prezos elevados que dificultan a moitos mariñeiros realizalos. Ademais as cancelacións dos poucos cursos que convoca o ISM prodúcense, a maioría das veces, a poucos días da data de comezo, polo que os mariñeiros que quedaron en terra para acudir aos mesmos “padecen un trastorno intolerábel” que perden a marea e deben agardar por unha nova convocatoria.
Neste sentido, a organización frentista reclama unha nova prórroga para as persoas que non puidesen realizar o cursos, sobre todo o de suficiencia e da formación sanitaria, por non existir unha suficiente oferta pública ou por terse cancelado o que realizarían. “O ISM ten que aumentar a oferta e mellorar a xestión dos cursos, así como facilitar fórmulas que permitan compatibilizar o acceso á formación coa continuidade da actividade laboral” destaca Néstor Rego.
Así mesmo, urxe retomar a contratación directa tal e como puxo de manifesto no seu informe o Tribunal de Contas que destacaba que a externalización dos cursos supuxo un encarecemento ao tempo se reducía a súa calidade, pois implicou gastar o dobre de recursos ao tempo que se constatou un descenso de cursos impartidos e o aumento de cursos cancelados.
“As persoas que traballan no mar non poden ver restrinxido o acceso a unha formación que se lles exixe de maneira obrigatoria. A Administración pública e o ISM deben facilitar o acceso aos cursos a través dun aumento da oferta e o número de prazas e que estes sexan compatíbeis coas xornadas laborais” defende Néstor Rego. Para o deputado nacionalista non pode descargarse a responsabilidade nas persoas traballadoras e exixirlles que acudan a centros privados, perdan días de traballo e asuman o custo económico e laboral que isto supón.