Congreso

BNG reclama ao Goberno solicitar a execución da sentenza do Pazo de Meirás

Pazo de Meirás

Néstor Rego defende que a Administración Xeral do Estado ten de reclamar xa a execución provisoria da sentenza do xulgado de primeira instancia da Coruña que estabelece que o Pazo de Meirás forma parte do patrimonio público.

O BNG insta o Goberno español a, unha vez que o Pazo de Meirás estea nas mans de Patrimonio do Estado, iniciar de forma inmediata o proceso de transferencia á Galiza.

O deputado nacionalista salientou que é a primeira vez que unha sentenza recoñece que as actuacións para a entrega deste ben a Francisco Franco foron realizadas de forma ilegal e nun contexto de extorsión e terror.

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno español, por medio dunha iniciativa parlamentar, solicitar a execución provisional da sentenza do xulgado de primeira instancia da Coruña que estabelece que o Pazo de Meirás forma parte do patrimonio público. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que dita sentenza estabelece que “este inmóbel é propiedade do Estado e declara non válida a venda simulada coa que os herdeiros do ditador acreditaban a posesión da devandita propiedade a título particular”.

O deputado nacionalista salientou que “estamos diante dun feito histórico, cargado de grande simbolismo e relevancia”, pois é a primeira vez que unha sentenza recoñece que as actuacións para a entrega deste ben a Francisco Franco foron realizadas de forma ilegal e nun contexto de extorsión e terror.

Aliás, Rego afirmou que o BNG vai exixir que de forma inmediata, unha vez que o Pazo de Meirás estea nas mans de Patrimonio do Estado, o Goberno inicie o proceso de transferencia á Galiza. O Deputado nacionalista enfatizou que a reclamación maioritaria no noso País é que o Pazo pertence “ao pobo galego”, e iso significa que ten de estar nas mans de institucións galegas.

“O Goberno debe reclamar xa a execución provisoria co obxecto de restituír a propiedade ao patrimonio público, velar pola integridade doutros bens tamén resultado do espolio e que alí están depositadas -entre elas as estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria ou a biblioteca de dona Emilia Pardo Bazán-, e garantir a súa apertura e o seu aproveitamento como espazo histórico, da memoria democrática, cultural e turístico” sinalou Néstor Rego.

O deputado do BNG subliñou que o nacionalismo continuará a traballar até conseguir a restitución de todo o patrimonio roubado por Francisco Franco e que aínda está retido pola súa familia. “Non é só unha cuestión de xustiza, senón tamén de dignidade e de obriga moral con todas as vítimas do franquismo”, enfatizou.