BNG reclama ao Goberno mellorar os Orzamentos do Estado para compensar o déficit histórico que sofre a Galiza
Néstor Rego: “O BNG está en completa disposición para dialogar e negociar, sempre desde unha coherente posición na defensa dos intereses da Galiza e das clases populares”
A formación nacionalista demanda a modernización da rede ferroviaria interna, a implantación das proximidades nas áreas metropolitanas e o rescate da AP-9
O deputado aposta por solucionar a crise industrial da Galiza: Alcoa, Alu Ibérica, Barreras, Vulcano, As Pontes…
No marco do debate de totalidade dos Orzamentos do Estado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno incrementar o investimento territorializado na Galiza para rematar coa discriminación e compensar o déficit histórico que sofre o noso País. Rego manifesta disposición ao diálogo mais tamén firmeza na defensa dos intereses do pobo galego. A formación nacionalista demanda partidas suficientes para a modernización da rede ferroviaria e a implantación de servizos de cercanías nas áreas metropolitanas, a creación dos 3 xulgados de violencia de xénero e a solución ao problema con Facenda dos emigrantes retornados ou atallar a crise industrial.
“O BNG está en completa disposición para dialogar e negociar, sempre desde unha coherente posición na defensa dos intereses da Galiza e das clases populares” explica Rego, que cifra a posición final de voto da formación nacionalista ao resultado da negociación e á mellora que se produza nas contas do Estado.
Néstor Rego advirte de que o incremento do investimento territorializado en 242 millóns de euros, para a formación nacionalista, non é suficiente para compensar “o déficit histórico en investimentos, especialmente en infraestruturas, no noso País”, para alén de sinalar que metade (122 M€) corresponde á construción das fragatas F-110, que non é investimento e non se debe computar como tal.
Rego reclamou ao executivo estatal “a mesma disposición para mellorar as previsións de investimento na Galiza” e avanzar no cumprimento das medidas recollidas no acordo de investidura.
“Queremos partidas necesarias para modernizar a rede ferroviaria interna e mellorar os servizos que actualmente se prestan” sinala Rego. “Déixenme dar dous datos elocuentes. O primeiro, a última gran actuación na liña férrea A Coruña-Ferrol data de 1913, hai máis de 100 anos; a velocidade media é de 50 km/h e o tempo, o duplo que nun vehículo particular. O segundo: este é o mapa das Proximidades de RENFE. Ven vostedes a mancha amarela sobre Galiza? Eu tampouco” recrimina o deputado nacionalista.
Rego reivindicou a aposta do BNG por un medio de transporte eficaz e sostíbel como é o ferrocarril “para avanzar realmente na descarbonización da economía”. Por este motivo, o deputado nacionalista reclamou durante a súa intervención partidas nos orzamentos para a implantación das proximidades ferroviarias nas áreas metropolitanas da Galiza.
“Queremos a creación de tres xulgados de violencia de xénero en Lugo, Ourense e Santiago, así como a solución ao problema con Facenda dos emigrantes retornados. Apostamos tamén polo impulso da normalización da lingua galega nos medios de comunicación públicos do Estado e en todo o conxunto do mundo audiovisual” explica.
O deputado tamén demandou o apoio do executivo estatal para solucionar a crise industrial que arrastra o País en diversos puntos: “Alcoa, Alu Ibérica, Barreras, Vulcano, As Pontes…” enumera Rego. Así mesmo, reivindica a transformación do porto interior da Coruña con recursos públicos e o saneamento e rexeneración das rías da Galiza.
Rego sinalou tamén a necesidade de apostar realmente nas políticas sociais. “Queremos aumentar os recursos da Lei de dependencia, incrementar as pensións mínimas, eliminar a Taxa de Reposición de Efectivos para mellorar os servizos públicos, implantar o permiso de 32 semanas para as familias con unha única persoas proxenitora ou derrogar completa e definitivamente a Reforma Laboral” salienta o deputado nacionalista, que acrecenta a aposta da formación nacionalista por unha política fiscal e tributaria máis xusta.
Néstor Rego subliñou que o BNG non presentou emenda á totalidade para dar unha oportunidade ao diálogo e á negociación, mais advertiu que o sentido de voto do BNG “será decidido en función do resultado da negociación das emendas e da ‘foto’ final” e chamou o Goberno, o PSOE e Podemos a “moverse e corrixir o atropelo aos intereses dos galegos e galegas que realizaron o pasado ano nas contas de 2021”.