O BNG reclama ao Goberno galego que emprenda accións para asegurar a continuidade da construción naval en Vulcano
O BNG vén de reclamar á Xunta no Parlamento Galego que solicite á Autoridade Portuaria de Vigo a retirada do seu recurso contra a decisión xudicial que valida o plan de liquidación concursal de Vulcano e que pon en grave risco a posibilidade do mantemento da actividade industrial, segundo explicou a deputada Carme González.
Na súa intervención ante a Comisión de Industria da Cámara, González lembrou que hai sobre a mesa unha oferta para a compra da unidade produtiva na que se aposta por converter o estaleiro nun centro de construción e reparación naval e que, ademais, a situación do cadro de persoal é delicada xa que esgotaron o subsidio por desemprego e “agora viven coa incerteza do que vai pasar cos seus empregos”, polo que cualificou de “atranco” o último recurso da Autoridade Portuaria para a continuidade da actividade naval en Vulcano.
“O presidente do Porto ten unha aposta decidida por outorgar novos usos aos terreos de Vulcano e dende o BNG defendemos que o futuro do estaleiro pasa por finalizar o traspaso da unidade produtiva, incluída a concesión portuaria, poñendo fin ao proceso aberto no xulgado do mercantil”, recalcou para a continuación criticar a actitude do Goberno galego por “seguir cos brazos cruzados mentres a Autoridade Portuaria de Vigo dinamita a posibilidade de volver construír barcos” na factoría de Teis.
Así pois, nunha proposición non de lei que foi rexeitada polo PP, a deputada nacionalista reclamou á Xunta que poña en marcha actuacións administrativas e xudiciais para solicitarlle á Autoridade Portuaria que acate a sentenza da Autoridade Provincial e que retire ou desista do procedemento instado no Tribunal de Conflitos.
De igual xeito, demandou ao Executivo galego tanto a convocatoria dunha reunión urxente co liquidador, os representantes dos traballadores e a sociedade que ten presentada a única oferta para facerse con Vulcano, como o despregue de todos os mecanismos legais que permitan a súa intervención pública a través da participación directa no futuro proxecto industrial ou a través da axuda financeira que se precise para garantir a continuidade do emprego e da actividade industrial.
“Dende o BNG consideramos que a recuperación económica do país pasa pola reindustrialización e nese proceso o naval é unha actividade estratéxica e, como tal, é preciso que todas as administracións vaian da man nunha aposta decidida polo sector”, concluíu.