BNG reclama ao Goberno galego que concrete o proxecto de biocombustibles para as Pontes e contemple unha alternativa
Ante a falta de respostas por parte da Xunta a anteriores requirimentos sobre a mesma cuestión, o BNG volveu levar hoxe ao pleno do Parlamento galego a grave crise que sofre As Pontes co obxectivo de reclamarlle que concrete o proxecto de biocombustibles que está a apoiar como solución ao peche da central térmica de Endesa.
Segundo recalcou o portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, “un proxecto así precisa de concretarse e cuantificarse!”, polo que reclamou ao Goberno de Feixóo que detalle o plan que manexa neste sentido e cuestións de vital importancia como o número de grupos da térmica que se podería manter en funcionamento e durante canto tempo, o prezo Kw estimado para entrar no sistema o modelo de alimentación para a instalación ou se este pasa por lamas das explotacións gandeiras galegas, das depuradoras urbanas ou lamas foráneas. “Din que están a favor dos biocombustíbeis, pero iso, así, sen máis detalle, é como estar a favor da paz no mundo”, censurou en pleno parlamentario ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación.
De igual xeito, Fernández reprochou á Xunta que non desenvolva unha solución alternativa no caso de que Endesa desbote finalmente o proxecto. “Temémonos que o proxecto dos biocombustíbies, non mellor dos casos, non sexa máis que unha solución parcial, que non compense o peche dos grupos da térmica”, advertiu para a continuación engadir que “por iso nos parece razoable contar con alternativas e, sobre todo, parécenos unha obriga do Goberno galego implicarse nunha crise que non só afecta ao emprego dunha vila e dunha comarca, senón ao modelo enerxético dun país”.
Ante esta situación, o deputado por Ferrolterra instou ao Executivo do PP a impulsar dunha vez por todas o convenio de transición que xa está en marcha, e con investimentos orzamentados, noutros territorios como Asturias ou Aragón. Neste contexto de transición enerxética, apelou a unha aposta decidida pola tecnoloxía, “sobre todo para aquelas que sabemos críticas e que poden servir de impulso para atraer outros proxectos industriais”, remarcou logo de lembrar a proposta do BNG para crear nas Pontes un centro tecnolóxico para a I+D+i sobre o almacenamento de enerxía, iniciativa rexeitada polo PP.
Fernández afeou ao vicepresidente segundo “a súa falta de concreción e os balóns fóra” nunha resposta na que volveu a non concretar nada e persistir “na súa teima en interrogar a oposición no canto de cumprir coa súa obriga de dación de contas” o que, ao xuízo do deputado nacionalista, “delatan a ausencia total do departamento que dirixe nesta grave crise industrial”. “As súas respostas son sempre iguais: é certo que non faltan tampouco as boas palabras, o que faltan son proxectos e cartos; proxectos con asignación orzamentaria, que é o que mide o grao de compromiso dunha administración”, concluíu.