BNG reclama ao Goberno executar as obras na A-6 por tramos para garantir a boa comunicación da veciñanza
O Bloque Nacionalista Galego defende a necesidade de que o Goberno do Estado articule medidas alternativas que garantan unha mellor circulación da veciñanza durante as obras da A-6. A nula planificación e coordinación entre as distintas administracións implicadas –Ministerio e Xunta- están a provocar graves consecuencias para as persoas que viven ou traballan en localidades como Baralla. A organización nacionalista propón realizar as obras por tramos para solucionar os problemas actuais que dificultan enormemente os desprazamentos da veciñanza.
Durante a visita, o deputado do BNG estivo acompañado pola deputada no Parlamento de Galiza, Montse Valcárcel, a deputada na Deputación de Lugo, Iria Castro, e representantes do BNG en Baralla.
O Ministerio iniciou as actuacións de mellora e acondicionamento da A-6 despois de diversas iniciativas do BNG e accións de protesta desenvolvidas pola organización nacionalista e a veciñanza. Un dos tramos máis afectados era o situado entre Baralla e Becerreá, cun firme totalmente desfeito sobre todo no traxecto entre a saída 461 Neira de Rei-Baleira e Becerreá. De feito, o mal estado da estrada xa obrigara ao Ministerio a fechar o carril de lentos nese tramo dirección A Coruña-Madrid, despois de que se producisen múltiples accidentes polas pronunciadas e profundas fochancas.
“Polo tanto, trátase dunhas obras moi necesarias e demandadas” declara o Deputado do BNG, “mais, o Goberno comezou as obras sen previo aviso e pechando un gran tramo da estrada canalizando a circulación en dobre sentido pola plataforma de dirección Madrid-A Coruña”. Esta situación, continúa Néstor Rego, viuse agravada polo inicio das obras da estrada autonómica LU-710 que conecta Baralla con Neira de Rei, Baleira e Meira o que supuxo o fechamento total desta estrada.
A nula planificación e coordinación entre as administracións implicadas nas distintas obras que conflúen agora nese lugar e no tempo -Ministerio e Xunta- está a provocar graves consecuencias para as persoas que viven ou traballan en Baralla e que atopan enormes atrancos nos seus desprazamentos diarios. Por parte do Ministerio non se adoptou ningunha medida paliativa das consecuencias das obras mais, para a frente nacionalista, é urxente e necesario artellar alternativas para evitar a incomunicación da veciñanza da zona.
“A zona afectada permite a realización das obras por tramos, mediante a interconexión e intercambio de calzada para a súa utilización en dobre sentido” defende Néstor Rego. Esta alternativa implicaría que o fechamento da propia saída fose temporalmente máis reducido, permitindo así unha menor repercusión para os veciños e veciñas. “Hai que planificar posíbeis alternativas de saída temporal, que permitan compaxinar as obras, para as que se prevé un longo período de execución, con solucións de acceso ao concello de Baralla e as conexións que antes se citaban” reclama Rego.