parlamento galego

BNG reclama ao Goberno do PP que execute as obras de dragado do río Lérez paralizadas desde hai máis de doce anos

Luís Bará

Bará pide ao Executivo de Rueda, a quen acusa de ser o “responsable único” do abandono do río, unha partida de 1,5 M€ para iniciar o proxecto en 2025  

O portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, recriminoulle ao Goberno do PP que non se executase aínda o proxecto de dragado do río Lérez, ao que se referiu como “proxecto Matusalén” porque “leva máis de 12 anos paralizado desde a súa tramitación en 2011”.

Así o afirmou na comisión parlamentaria de Ordenacion Territorial e Obras Públicas, onde sinalou ao presidente do Executivo Galego, Alfonso Rueda, como “único responsable” do abandono do río, xunto a Portos de Galiza e o conxunto da Xunta.

O deputado nacionalista acusou ao Goberno do PP de “ir a paso, xa non de tartaruga, senón de caranguexo”, en alusión ao retraso, máis tendo en conta que “o goberno de Rueda asegurara en 2019 que o proxecto se ía facer con todas as garantías ambientais e cos investimentos necesarios”, un tempo de inacción que Bará considerou “excesivo”.

Á vista desta parálise, o responsable da área de Medio Ambiente solicitou a convocatoria “dunha mesa urxente para en catro meses elaborar unha proposta sobre a xestión das lamas en terra, como se recollía no acordo parlamentar unánime en 2019” .

Ademais, instou ao Executivo do PP a que “no ano 2025 haxa unha partida de 1,5 millóns de euros para iniciar, nesa anualidade, o proxecto”, logo de lamentar que “nos orzamentos de 2024 destinados a estes efectos, aparecen cero euros destinados ao dragado do río Lérez”.

Bará lembrou que no acordo parlamentar de 2019, pedíaselle á Xunta unha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado, “de tal xeito que non afectasen á ría de Arousa”, a diferenza do que propuña Portos, o que suscitara o “rexeitamento unánime do sector pesqueiro e marisqueiro da zona”.

O acordo consideraba unha alternativa sostible “o tratamento dos residuos máis nocivos en terra” para que a retirada de lamas “non afectase á Rede Natura e ao Parque Nacional das Illas Atlánticas”, solución que, segundo lamentou, “rexeitaron a daquela conselleira do Mar e o director de Portos pola incidencia de tráfico de camións no centro da cidade de Pontevedra”.

Desde entón, recriminou o deputado nacionalista, “non hai proxecto actualizado, non hai orzamento, non hai avaliación ambiental”, o que constata que o Goberno do PP “non sabe que vai facer coas miles de toneladas que hai no río”. “Pasan os anos, cambian os estudos, a lexislación, os conselleiros, os directores de Portos, e nada”, criticou para advertir a continuación que “a este ritmo, se seguen así, nin en 2040 serían capaces de facer este proxecto”.

Bará preguntouse ademais, “por que se puido facer unha dragaxe na ría do Burgo e non se pode facer na ría de Pontevedra” e amosou a súa preocupación polo “impacto económico para moitas familias que dependen da produtividade da ría”. “Esta actuación é fundamental para a rexeneración do fondo da ría e da canle do Lérez, para favorecer a navegabilidade e para garantir a operatividade do porto deportivo de Pontevedra”, recalcou, para concluír reclamando solucións “con feitos, non con promesas”.