BNG reclama ao Goberno do Estado o indulto a Pintos
Rego sinala que o sindicalista reúne as tres razóns para conceder o indulto: “xustiza, equidade e utilidade pública”
O deputado do BNG denuncia a vulneración de dereitos fundamentais que se produciron en 2012 coa detención de Xesús Anxo López Pintos, así como o abuso policial exercido
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, traslada á cámara baixa a petición para a concesión do indulto ao sindicalista Xesús Anxo López Pintos polos feitos ocorridos en outubro de 2012. A organización nacionalista reclama que, de maneira urxente, o executivo estatal tramite a aprobación do indulto a Pintos, condenado a unha pena de 6 meses de cárcere e inhabilitación especial do dereito de sufraxio pasivo neste tempo.
O 4 de outubro de 2012, en Ferrol, levouse a cabo unha concentración convocada polos comités de empresa de Poligal e Navantia para protestar contra as políticas de recortes do Goberno do Partido Popular. Unha concentración diante do Hotel Almirante, na cidade de Ferrol, á que acudiron multitude de persoas, organizacións, sindicatos e formacións políticas diversas.
Ao remate da mesma, a policía procedeu á detención do sindicalista ferrolán, Xesús Anxo López Pintos, ex secretario comarcal da CIG. Para o BNG, esta foi unha actuación de persecución contra unha persoa concreta- polo coñecida que era na comarca- que se observou como inxusta, arbitraria e cargada de violencia. Cabe destacar, ademais, que o sindicalista ferrolá foi vítima de malos tratos, tal e como informaron os medios de comunicación.
“Vulnerouse un dereito fundamental recollido tanto na Declaración Universal dos Dereitos Humanos como no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos xa que, de forma arbitraria, procedeuse á detención e condena xudicial a unha persoa que estaba exercendo o seu dereito ao libre exercicio da actividade sindical” explica o deputado do BNG.
De facto, o representante sindical foi condenado pola Audiencia Provincial da Coruña a unha pena de 6 meses e un día de prisión e inhabilitación especial do dereito de sufraxio pasivo por ese tempo, pola comisión dun delito de atentado contra axente da autoridade. Posteriormente, esta sentenza foi confirmada polo Tribunal Supremo. Desde os feitos descritos, transcorreron dez anos, ademais de que o sindicalista ferrolán atópase na actualidade nunha situación de xubilación.
En opinión do deputado nacionalista, este caso reúne as tres condicións que se valoran para a concesión do indulto: “razóns de xustiza, equidade ou utilidade pública”. “O representante sindical participaba na concentración para defender intereses sociais, laborais e económicos colectivos, e non intereses particulares” salienta Rego.
“Con esta iniciativa parlamentaria queremos apelar ao Goberno a que inicie a tramitación para proceder o indulto” explica. Como é sabido, a concesión dun indulto é decisión do Consello de Ministros a proposta do Ministerio de Xustiza. Ao longo destas décadas concedéronse indultos a “políticos corruptos, golpistas do 23- F ou banqueiros, polo que resultaría sorprendente que non se concedese nun caso absolutamente xusto como é o de Anxo Pintos, un sindicalista que simplemente exercía a súa actividade sindical nunha concentración, nunha época de crise económica moi dura. É de xustiza, que reciba o indulto total”.
“O cumprimento efectivo da pena de prisión suporía un enorme sufrimento para o sindicalista e para a súa contorna familiar. Cremos necesario que desde o Goberno se conceda o indulto” conclúe Rego.