BNG reclama ao Goberno do Estado a construción do Centro de Interpretación do Castro de Cociñadoiro
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno do Estado que cumpra o seu compromiso de construír o Centro de Interpretación do Castro de Cociñadoiro de Arteixo e dar aloxamento aos materiais arqueolóxicos aparecidos no xacemento. Así mesmo, Rego reclama que se estuden as construcións funerarias de época tardorromana que apareceron despois de iniciadas as obras do porto en Rañobre.
O castro de Cociñadoiro, tamén coñecido como castro de Punta de Muros, foi un asentamento atlántico da primeira Idade de Ferro, que destacaba pola peculiaridade do seu urbanismo e polos obxectos que foron atopados na súa localización. Porén, foi arrasado por completo en 2005, pola construción do complexo portuario de Punta Langosteira, o porto exterior da Coruña. Antes de iniciar as obras, realizouse unha escavación arqueolóxica do complexo en profundidade coa intención de documentar todo o relacionado co poboado antes de que fose destruído. Naquel momento, o Goberno do Estado comprometeuse a crear un Centro de Interpretación que servira tamén para a musealización dos achados da escavación.
“Restos como os do castro de Punta de Muros precisan ser postos en valor e destacar a función da construcións e a súa cronoloxía, ao contar cunha datación que permite situalo como un dos castros máis antigos do noroeste peninsular” sinala o deputado do BNG. Así mesmo, a construción destaca tamén polo sistema defensivo, que aproveitaba a propia orografía e que “contaba cunha gran muralla de tres metros de altura e oito de ancho”.
Durante as obras de construción do porto exterior, a Autoridade Portuaria organizaba visitas guiadas ás obras do Porto Exterior da Coruña para compartir e facer público o proxecto portuario “mais nunca se puxo en valor a escavación do castro”. Todo o contrario, “os traballos foron realizados con sumo segredo, pois, durante todo o proceso, non se comunicou nada á comunidade local, nin tampouco á científica nin aos medios, sobre os achados realizados”.
“Os responsábeis da Autoridade Portuaria, xunto á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, tomaron a decisión de facer desaparecer o xacemento de costas aos cidadáns, lexítimos propietarios e financiadores da escavación do sitio arqueolóxico, tanto da comunidade local de Arteixo como do resto da Galiza” recrimina Néstor Rego.
Así mesmo, uns anos máis tarde, en 2009, nos límites expropiados polo Porto Exterior a 200 metros do Castro de Rañobre, sacaron á luz unha zona de 30 metros lineais que parecía corresponderse cunhas construcións funerarias de época tardorromana. Despois de atopárense estes restos os veciños de Rañobre, arrincaron o compromiso á Autoridade Portuaria de que serían analizados exhaustivamente e que serían estudadas as liñas a seguir para a súa conservación, valorando a súa exposición igual que se faría co Castro Cociñadoiro, promesas incumpridas ata hoxe pola Autoridade Portuaria e polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana co pobo de Arteixo e de Galiza.
“É hora de cumprir o compromiso de construción do Centro de Interpretación do Castro Cociñadoiro de Arteixo e dar aloxamento aos materiais arqueolóxicos aparecidos no xacemento durante a escavación” enfatiza Rego.