BNG reclama ao Goberno do Estado compensar a débeda do porto da Coruña

Franciso Jorquera, Néstor Rego e Avia Veira

Néstor Rego urxe o Ministerio de Transportes a licitar canto a conexión ferroviaria co porto exterior

Francisco Jorquera rexeita calquera operación especulativa cos terreos do porto.

 

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou na cidade da Coruña a licitación inmediata da conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña e exixe ao Goberno do Estado que compense a débeda de 200 millóns de euros, así como o compromiso de transformar os espazos liberados no porto interior para o uso público. O deputado, acompañado do voceiro municipal, Francisco Jorquera, e da concelleira da formación nacionalista, Avia Veira, rexeitaron que os terreos se empreguen para a especulación urbanística.

A formación nacionalista ten claro que, unha vez construído o porto exterior da Coruña, a súa funcionalidade e viabilidade depende da conexión ferroviaria. Por este motivo, o BNG non entende como aínda non se iniciou a licitación da obra. De non establecer esta comunicación, o porto exterior construído perderá competitividade, capacidade e operatividade. Así mesmo, o deputado do BNG sinalou como contraditoria a folla de ruta que segue o Goberno no que ten haber co porto exterior “con todas as liñas que se están anunciando de fomento de transporte ferroviario como transporte de futuro e sustentábel, non se entende que non se considere prioritaria esta conexión”.

“O BNG insistirá na necesidade de licitar de maneira urxente as obras que permitan a conexión da cidade co porto exterior porque deixar caducar o estudo de impacto ambiental sería unha grave irresponsabilidade e implicaría un mínimo de tres anos antes de retomar o proceso” explicou Rego mentres recriminou que A Coruña non pode permitirse “o luxo de agardar varios anos por esa conexión”. Estas obras permitirían liberar, aínda máis, os usos que o porto interior ten a día de hoxe e aumentar as súas utilidades futuras “que teñen que ser definidas cun criterio público”.

Alén do máis, o deputado nacionalista anunciou varias iniciativas no Congreso en forma de preguntas e Proposición Non de Lei. Por unha banda, en formato de pregunta para “coñecer a posición que ten o Goberno do Estado sobre as obras e se partilla ou non a visión do BNG”; e por outra banda, unha PNL na que se insta ao Goberno a iniciar as obras e trámites necesarios para a conexión e a compensación, que terá que ser votada, dando así a coñecer a posición ao respecto de cada unha das formacións políticas con representación galega na cámara baixa.

Estas iniciativas urxen o Goberno a licitar de maneira inmediata “o proxecto para evitar máis demoras” mais tamén abren a vía para a condonación ou a compensación da débeda. “O Ministerio di que non pode ser unha condonación mais este é un porto que decidiu construír o Estado, tras a súa aprobación no Consello de Ministros, e existe unha vía que pode ser moito máis factíbel e que o BNG leva moito tempo pondo enriba da mesa como a vía da compensación” explicou Rego. Esta vía facilitaría que o Estado puxese unha cantidade equivalente a débeda- 250 millóns de euros- para actuar nos terreos do porto interior e esas futuras actuacións de urbanización e de dotación de espazos e de equipamentos de uso público en beneficio da cidade. 

Rexeitamento de operacións especulativas

“De ningunha maneira o BNG partillará é unha operación especulativa con terreos que son de titularidade pública” afirmou o deputado nacionalista. Neste sentido, o voceiro do BNG na cidade da Coruña, Francisco Jorquera, emprazou a Alberto Núñez Feijóo “a que actúe como presidente do goberno galego e non como un promotor inmobiliario” e a Inés Rey “a que sexa firme a hora de exixir a condonación ou compensación da débeda e o acceso ferroviario co porto exterior”.

Os concelleiros do BNG na Coruña, Francisco Jorquera e Avia Veira, coincidiron na necesidade de que o Estado contribúa “a transformación dos terreos do porto interior” amosando o compromiso “claro e inequívoco cun calendario de execución e recursos orzamentarios para a cidade da Coruña e coa súa área metropolitana”.