BNG reclama ao executivo estatal que a nova PAC atenda ás especificidades e necesidades propias da Galiza
Néstor Rego urxe diálogo entre Xunta e Goberno do Estado para que deseñen conxuntamente os Plans Estratéxicos que afectarán ás persoas beneficiarias das axudas
A formación nacionalista demanda novas medidas para minimizar os efectos negativos que terá a desaparición do antigo pago verde e o cambio de destino de 20% do orzamento cara os ecoesquemas na Política Agraria Común
O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra no Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado negocie coa Xunta para coñecer as necesidades e especificidades da Galiza no deseño dos ecoesquemas da PAC para lograr unha mellor adaptación da nova regulación. A formación nacionalista alerta da repercusión que terá o cambio que afectará a un 20-30% do orzamento coa desaparición do pago verde e que afectarán negativamente á gandaría e agricultura galega.
A nova Política Agraria Común para o período 2023-2027 ten previstas novas exixencias medioambientais e contará con cambios de concepto en diversas cuestións que afectarán ás persoas beneficiarias das axudas. Un mínimo de 20% das axudas directas aboaranse por medio dos chamados “ecoesquemas” que son liñas de axuda orientadas a primar prácticas que contribúan a mellorar a biodiversidade e a loitar contra o cambio climático.
O deseño dos ecoesquemas, incluído o orzamento no primeiro piar da PAC a través do fondo FEAGA, corresponde a cada Estado membro e deberá contar coa aprobación de Bruxelas. Terán que ser medidas diferentes das que figuran nas axudas agroambientais do segundo piar.
“A primeira proposta de ecoesquema elaborada en 2020 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación presentaba escasas opcións para as explotacións galegas xa que non estaban tendo en conta as especificidades propias das estruturas agrarias da Galiza” explica o deputado do BNG. Esta primeira proposta foi mellorada e “permitiría unha mellor adaptación as características do campo galeo mais é posíbel incrementar a súa harmonización”.
Neste sentido, a organización frentista reclama que exista un diálogo entre Goberno do Estado e Xunta para lograr que o deseño final do ecoesquema se adapte as necesidades da agricultura e gandaría na Galiza e se logre unha mellor adaptación da nova regulación. “O MAPA anunciou que aprobará os ecoesquemas a comezos de 2022 polo que é vital coñecer cal será o contido dos mesmos e comprobar se incorporan as especificidades da agricultura e gandaría da Galiza” salienta Rego.
“Debe evitarse que, como noutras ocasións, o deseño dos Plans Estratéxicos se realicen primando as particularidades propias de outros territorios do Estado” reivindica o deputado nacionalista. Así mesmo, coa implantación dos novos ecoesquemas desaparecerá o antigo pago verde polo que o BNG reclama ao Ministerio que incorpore un contido que permita aos gandeiros galegos acollerse aos novos deseños e deste xeito minimizar os efectos negativos da nova regulación.