BNG reclama ao Estado o impulso do Convenio colectivo de Navantia e a activación inmediata do plan de emprego

REUNION BNG - REPRE NAVANTIA

A redución da xornada anual, o estabelecemento dun sistema obxectivo de promoción profesional, a recuperación do poder adquisitivo incorporando como indicador o IPC ou permitir a xubilación anticipada aos 61 anos son as principais cuestións pendentes na negociación colectiva

Néstor Rego denuncia que o Goberno desatende as necesidades de man de Navantia Ría de Ferrol e exixe que se activen de forma inmediata as 100 contratacións pendentes do anterior plan de emprego e que se faga un reparto que atenda ao volume de emprego en cada centro das 1500 novas prazas anunciadas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar diversas iniciativas para o seu debate na cámara baixa co obxectivo que o Estado impulse melloras nas condicións laborais e un incremento salarial dos e das traballadoras de Navantia, no marco da negociación do novo convenio colectivo. Así mesmo, reclama que se executen xa as contratacións pendentes e respecto do novo Plan de Emprego anunciado en 2023 que se estabeleza un reparto proporcional por centros das 1500 novas incorporacións atendendo ao actual volume de emprego de cada un deles.

Navantia é unha empresa pública propiedade da SEPI, dedicada á construción naval e con centros de traballo na baía de Cádiz, Cartaxena, Madrid e na ría de Ferrol. En termos xerais e polas súas características pode ser considerada unha das grandes empresas industriais do seu sector no panorama mundial. O seu papel de empresa tractora e motor económico dos territorios onde se sitúan os seus centros de traballo foi recoñecido polos sucesivos Gobernos do Estado, sendo un dos principais activos en materia de política industrial e económica.

No caso concreto de Ferrol, sinala o deputado do BNG, o volume de emprego sitúase en torno a 1800 postos de traballo directo por parte da propia Navantia, sen contar a industria auxiliar ou complementaria, o que supón un grande peso na economía da comarca. “As condicións laborais do cadro de persoal e a súa mellora a través da negociación do seu convenio colectivo, polo tanto, son cuestións de máxima relevancia económica e social para toda a comarca” afirma Rego.

Máis dereitos e mellores salarios para os e as traballadoras de Navantia

A negociación do convenio colectivo, parada desde decembro de 2021, atópase en punto morto. “Cabe lembrar que o último convenio foi negociado nunhas condicións diferentes as actuais en canto a carga de traballo e perspectivas de futuro e mesmo vinculado, por decisión empresarial, a un proceso paralelo de renovación de cadros de persoal que desvirtuou a negociación do propio convenio” recorda.

Neste sentido e, respectando á autonomía das partes durante a negociación do novo convenio colectivo, o BNG defenderá na cámara baixa unha iniciativa para instar o Goberno a trasladar á mesa de negociación do convenio colectivo unha posición favorábel para a recuperación e a ampliación de dereitos para as e os traballadores e un aumento dos salarios” defende o deputado do BNG.

Entre os puntos a tratar atópanse a redución da xornada anual, homoxeneizar os conceptos variábeis de aplicación para todos os grupos profesionais, eliminar os niveis salariais de entrada que foron introducidos no último convenio, a homologación e obxectivación dos conceptos salariais variábeis e o estabelecemento dun sistema obxectivo de promoción profesional que elimine a arbitrariedade. “Os traballadores e traballadoras teñen o dereito a recuperar o poder adquisitivo incorporando o IPC como indicador de referencia e mesmo se debe estabelecer un sistema de xubilación anticipada que permita a saída do persoal aos 61 anos e a reposición deste persoal” defende Rego.

Reparto dos efectivos do Plan de Emprego de Navantia

Por outra parte, a frente nacionalista lembra o anuncio do Presidente do Goberno realizado en 2023 para a contratación de 1500 traballadores e traballadoras en Navantia “co obxectivo de reforzar os cadros de persoal da empresa”. A día de hoxe, pesar de que se incorporaron efectivos no resto de centros de Navantia, na Ría de Ferrol aínda non se produciron novas incorporacións “nin se completaron as correspondentes ao anterior plan de emprego, estando pendentes 100 novas contratacións”.

“Isto constitúe unha discriminación flagrante, en termos políticos, e unha falta de respecto á representación legal do persoal, así como unha grande torpeza empresarial” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego sinala que esta actuación, na realidade, “significa desatender as necesidades de man de obra do principal centro produtivo e con máis carga de traballo da empresa”.

Ante esta situación, o BNG reclamará o apoio do Congreso para que o Estado estabeleza un reparto por centros desas 1 500 incorporacións novas atendendo a unha distribución proporcional ao actual volume de emprego dos respectivos centros de traballo de Navantia.