congreso

BNG reclama ao Estado a devolución á Galiza da Crónica Troiana

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende trasladar ao noso País o códice que contén esta obra medieval galega, albergado na Biblioteca Nacional de Madrid, para a súa conservación, valorización e exposición pública.

A organización nacionalista quere que se dea a coñecer “unha obra en galego esencial para entender a importancia da historia, literatura e cultura galegas na Idade Media”.

O Bloque Nacionalista Galego solicita a devolución á Galiza da Crónica Troiana conservada case íntegra no manuscrito 10.233 da Biblioteca Nacional de Madrid. Para a organización nacionalista é de xustiza que este pergamiño sexa devolto ao pobo galego -da mesma forma que se fixo con outras obras artísticas espoliadas- para a súa conservación, valorización e exposición pública no noso País.

A Crónica Troiana é a obra literaria en prosa medieval galega máis extensa que se conserva, a adaptación galega do romance francés de Benoît de Sainte-Maure que, á súa vez, traspuña as historias clásicas que deron lugar ao que se coñece como o ciclo de Troia na literatura medieval.

O códice da Crónica Troiana consta de 185 follas de pergamiño escritas a unha única columna, con letra francesa visibelmente de varias mans, sendo a parte principal da propia man de Fernán Martíns, que como deixa escrito foi o redactor da obra, rematada, como anota o capelán de Andrade, o 20 de xaneiro de 1373, polo que este 2023 conmemórase o 650 aniversario da finalización da obra en prosa galega medieval máis extensa que se conserva.

Na actualidade, a Crónica Troiana galega atópase na Biblioteca Nacional de Madrid, co número de manuscrito 10.233 (ant. Ii-67). “Está case íntegra mais no estado actual falta o primeiro caderno, que contiña os 8 primeiros folios, polo que a numeración empeza co número 9” explica o deputado do BNG no Congreso.

“O BNG entende que, ao igual que ten feito xa con outros documentos e obras artísticas espoliadas, a Crónica Troiana debe ser devolta á Galiza, pois é de xustiza que este manuscrito sexa devolto ao pobo galego para a súa exposición, conservación e valorización” apunta Néstor Rego. Neste sentido, demanda ao Goberno do Estado devolver á Galiza a Crónica Troiana galega conservada case íntegra no manuscrito 10.233 da Biblioteca Nacional de Madrid.

Obras propiedade do pobo galego que deberan ser devoltas ao seu lexítimo propietario

“Coa excepción do Códice Calixtino, ningún dos máis destacados manuscritos da literatura medieval en galego se encontran na Galiza, senón distribuídos por bibliotecas de todo o mundo como no Vaticano, Nova York, Berkeley...” enuncia Rego. Segundo sinala o deputado, estes manuscritos “son a proba viva da historia e da cultura galegas, da importancia e relevancia que o galego tivo na Idade Media como idioma propio dun dos Reinos con máis peso da época medieval, o Reino da Galiza”.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG