O BNG reclama a ampliación dos servizos do Intecmar ás fins de semana e festivos para evitar perdas ao sector
O BNG reclamou hoxe no Parlamento galego a ampliación dos servizos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ás fins de semana e festivos para evitar perdas ao sector do mar e conseguir deste xeito un funcionamento áxil, eficaz e rápido do centro.
A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, realizou neste sentido unha pregunta oral ante o Pleno da Cámara e cuestionou que un ente público cun orzamento de máis de 3,6 millóns non realice analíticas durante a fin de semana ou os días festivos o que, segundo explicou, implica que moitas veces os peches se fagan sen previsión, que a dinámica comercial do sector do mar non vaia acompañada do traballo do organismo de control e que se devolvan miles de quilos de marisco ao mar”.
A deputada nacionalista aludiu ás queixas do sector sobre o funcionamento do centro e explicou que as confrarías vense obrigadas a recorrer a laboratorios privados en moitas máis ocasións das que quixeran e realizar os seus propios estudos microbiolóxicos para garantir a salubridade dos seus produtos.
Neste sentido, Rosana Pérez referiuse ao peche dos bancos marisqueiros de Noia rexistrado esta última fin de semana e no que, segundo afirmou, as mariscadoras e mariscadores terían retomado a súa actividade o luns se non se detectase o alto nivel de toxina na fin de semana por medio de análises realizado pola propia confraría. Un tipo de episodios que, como explicou a deputada nacionalista, teñen lugar con demasiada frecuencia e afectan ao normal desenvolvemento da actividade do sector.