BNG reclama un acordo entre administracións para as compensacións económicas ás mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa en que solicitou ao MITECO unha xuntanza entre a Administración do Estado e a Xunta de Galiza co obxectivo de acordar compensacións económicas ás mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo. O BNG apoia a demanda do colectivo e recalca que se debe garantir a continuidade da actividade laboral unha vez finalice a limpeza dos fondos.
Para o BNG resulta inaceptábel que as dúas administración implicadas, Xunta de Galiza e Goberno do Estado, ao tempo que recoñecen a necesidade de activar axudas económicas ao colectivo de mariscadores e mariscadoras, pretendan eludir as súas responsabilidades e atribuír á outra administración a obriga de estabelecelas.
“O Goberno do Estado ten que reunirse coa maior brevidade posíbel coa Xunta de Galiza para negociar e pactar a concesión das necesarias compensacións económicas que precisa o colectivo de persoas afectadas” afirmou o deputado do BNG, Néstor Rego. Así mesmo, lembrou que as obras xa foron licitadas e o acordo entre administracións ten que ser inmediato posto que “cada vez hai menos tempo para o comezo das obras e urxe unha solución”.
O colectivo de mariscadores e mariscadoras reclamou, xa no mes de novembro, unha xuntanza entre as asesorías técnico-xurídicas de ambas administracións. Nese sentido, o BNG volveu rexistrar unha iniciativa instando o Ministerio de Transición Ecolóxica a chegar a un acordo “inmediato” sobre as compensacións económicas. Rego lembrou que xa no mes de setembro a formación nacionalista presentou unha iniciativa para asegurar “as necesarias compensacións económicas para as e os afectados durante a suspensión da actividade de limpeza e mantemento até que se poida reiniciar a práctica do marisqueo”.