O BNG quere unha nova lei para reducir os alugueiros da hostalería, pequeno comercio e sector cultural en tempo de pandemia
A portavoz de vivenda do BNG, Alexandra Fernández presentou hoxe unha iniciativa destinada a elaboración dunha nova lei que modifique, de maneira excepcional, os contratos de arrendamento de locais de negocios coa actividade limitadas pola pandemia e co obxectivo de axudar á súa continuidade para manter os postos de traballo na hostalaría, pequeno comercio e sector cultural.
A parlamentaria do BNG salientou que é o momento de poñer medidas en marcha de apoio aos negocios afectados por unha “situación de afogo económico” e neste sentido, alertou de que o peche de miles de negocios e perda de postos de traballo suporá un “golpe mortal no tecido socieconómico galego”. A deputada lembrou que onte no Parlamento galego foi aprobada por unanimidade unha iniciativa do BNG relativa ás axudas directas a autónomos e autónomas e agardamos, dixo, que “ese acordo pase das boas palabras aos feitos” porque cada día sen axudas é un día que pecha un negocio e se destrúen postos de traballo.
Alexandra Fernández cualificou de necesarias e urxentes as axudas directas e sumou outras complementarias entre as que destacou o apoio aos custes de alugueiro dos negocios. Fernández explicou que, a hostalería pechada debe soportar un importante gasto na renda dos locais, a pesar de non contar con ingresos.
Unha lei para Intervir nos arrendamentos e dar resposta á situación agónica dos negocios
Dende o BNG, explicou a nacionalista, consideramos que é necesario intervir e abandonar a “inacción política” por iso defendemos a “redución da contía do aluguer” nos negocios con limitación de actividade pola pandemia e propomos o “impulso dunha nova lei” que permita regular un procedemento para que o propietario do local chegue a un acordo co arrendador e reducir o alugueiro, “de maneira excepcional” mentres dure a pandemia, reiterou.
Fernández remarcou que esta rebaixa debe depender dunha porcentaxe en función da redución do aforo o de horarios. A nova lei, afirmou permitiría contar “cun marco estable” ante novas situacións restritivas. A deputada subliñou que a nova lei debe rexerse pola solidariedade e equitatividade co obxectivo de “non deixar a ninguén atrás nesta crise”. Esta regulación, reiterou, debe estar en función da capacidade económica do negocio e do propietario do local para redistribuír os custes derivados da pandemia. A redución do alugueiro deberá realizarse naqueles negocios cuxa marxe de manobra estea limitada e deixando fóra desta medida “os grandes negocios con beneficios millonarios”. Asemade, dende o BNG propomos distinguir entre grandes propietarios e aqueles que viven da renda dun local, casos nos que serán arbitradas axudas de compensación por parte da Xunta.
A modificación da lei que defende o BNG busca apoiar á hostalería, o pequeno comercio local e o sector cultural para que o tecido socioeconómico non desapareza e converternos nun “deserto de desemprego e precariedade”, sentenciou a nacionalista.
Alexandra Fernández criticou que a Xunta actúe “tarde no ámbito sanitario e tamén no socioeconómico” de aí a urxencia de tomar medidas de forma inmediata polo que agardamos que as iniciativas do BNG acaden o apoio parlamentario para facelas realidade, concluíu.