senado

BNG quere “facer xustiza” na xubilación do persoal da sanidade pública e “corrixir as eivas existentes”

Carme da Silva

Rematar coa discriminación de xénero, favorecer a xubilación do persoal maior de 60 anos con longas vidas laborais ou estabelecer coeficientes redutores para a xubilación voluntaria do persoal: medidas do BNG

Carme da Silva leva unha moción á Comisión de Sanidade do Senado do vindeiro martes, 24 de setembro, onde procurará o apoio do resto de grupos políticos

A senadora do BNG defenderá na cámara alta unha moción relativa á xubilación das persoas traballadoras da sanidade pública co obxectivo de recoñecer o seu labor e corrixir as eivas existentes na súa xubilación. Carme da Silva demandará estabelecer coeficientes redutores para a xubilación voluntaria do persoal da sanidade e permitir a xubilación aos profesionais maiores de 60 anos con máis de 40 anos de prestación de servizo. Medidas, todas elas, que camiñan sobre todo para rematar coa discriminación de xénero que afecta ao persoal da sanidade pública, un sector moi feminizado.

“O sector sanitario ten uns riscos laborais específicos e, ademais, presenta unha elevada taxa de problemas de saúde laboral” evidencia a senadora do BNG. As traballadoras e traballadores da sanidade pública están expostos a riscos biolóxicos, químicos e a radiacións ionizantes. Así mesmo, presentan riscos psicosociais por estaren en contacto permanente coa enfermidade e a morte.

Diferentes estudos, explica da Silva, recollen que as quendas rotatorias -en horario de maña, tarde e noite- están asociadas á aparición e desenvolvemento de enfermidades coronarias e cerebro-vasculares, así como á depresión, á síndrome metabólica e ao cancro, entre outras; todas elas, enfermidades que se acaban por cronificar e non desaparecen cando se abandona o traballo.

De facto, a propia Organización Internacional do Traballo (OIT) calcula que unha persoa cun emprego a quendas “sufrirá un envellecemento prematuro de cinco anos por cada quince de traballados de noite”. Igualmente, tamén existen estudos sobre as consecuencias na saúde das traballadoras e traballadores maiores de 55 anos, que realizan traballos nocturnos. Segundo estas investigacións, a porcentaxe de incapacidades laborais entre o persoal de entre 45 e 64 anos increméntase en 68%, con respecto a outras franxas de idade que tamén desenvolven o seu traballo durante a noite.

“Outro aspecto que se debe considerar á hora de avaliar o dereito á xubilación anticipada do persoal sanitario é o impacto que nel tivo a pandemia da COVID- 19, que supuxo, durante meses, a suspensión dos seus dereitos laborais e un elevado número de contaxios, así como actualmente diversos diagnósticos de COVID persistente” engade Carme da Silva.

Rematar coa discriminación de xénero nun sector tan feminizado

“O sector sanitario está principalmente formado por mulleres, en moitos casos, cunha vida laboral dilatada de máis de 40 anos de servizo que mesmo é prestado en quendas rotatorias e nocturnidade” explica Carme da Silva. Malia a isto, cando a saúde destas profesionais se deteriora, só poden optar á xubilación anticipada sempre e cando teñan 63 anos cumpridos, máis de 40 anos de vida laboral continuada e asuman unha penalización que supera 13% de desconto.

Despois de longas  vidas laborais ao que se suma unha acusada  discriminación  de  xénero,  ao  ser unha área profesional especialmente feminizado, posto que nel as mulleres superan 55% do total do cadro de persoal, porcentaxe mínima para así consideralo. Se atendemos aos datos, na sanidade pública a porcentaxe de mulleres é de 78’4% frente a 21’6% de homes. “A discriminación de xénero non debería ser tolerábel para un goberno progresista. Os dereitos laborais no sector sanitario deberían ter a mesma consideración que os doutros ámbitos laborais, altamente masculinizados, que si gozan de coeficientes redutores para a súa xubilación” sinala a senadora do BNG.