O BNG quere que as empresas que operan en Galiza tributen na Facenda galega

Francisco Jorquera defende no Parlamento unha Proposición non de lei para que as empresas como: Inditex, Citroën ou Unión Fenosa tributen na Facenda galega pola súa actividade

Unha vez máis, o Partido popular impide unha iniciativa do BNG para demandar do Goberno central que as empresas que desenvolven a súa actividade en Galiza tributen na Facenda galega e non en Madrid.

O portavoz do Grupo parlamentario nacionalista, Francisco Jorquera lamentou que o Partido popular votara en contra da proposta do BNG debatida hoxe na Comisión de Economía para que empresas como Inditex, Citroën e Unión Fenosa tributen en Galiza.

Pola súa parte, o voceiro popular, Pedro Puy argumentou que o imposto de sociedades e cupo proposto polo BNG, “é rexeitada por todos os facendistas” e cambiar agora o sistema “sería mo complicado de facer e un negocio ruinoso” e ademais, por razóns de equidade e eficiencia o lóxico, engadiu é “tributar centralizadamente”.

O parlamentario do BNG criticou a intervención do popular e retrucou que o BNG defende a tributación no territorio galego para que repercuta “na nosa facenda” e resulta compatíbel con “defender a armonización”.

Jorquera insistiu na necesidade de dotar a Galiza dos instrumentos que lle permitan “xestionar todos os impostos” polo que reiterou que aplicar a proposta do BNG remataría coas “desigualdades territoriais”.

O nacionalista recalcou que Galiza debe definir as súas políticas impositivas ao igual que fai o Estado español fronte a Unión europea, e explicou que este sistema non é “incompatíbel con que o Estado español reciba fondos da U.E”.

Jorquera tamén criticou que o PP se opuxera a crear unha Comisión de Estudos coa comparecencia de expertos que aporten datos sobre un novo modelo tributario, “non hai autonomía política se non hai autonomía financeira”, sentenciou e no Parlamento galego se están a negar as ferramentas para dotar a Galiza desa “autonomía financeira”.