O BNG quer que se vixíen as contas da Casa Real

O BNG presentou no rexistro a solicitude dunha Comisión de Investigación sobre a Casa Real, para que se adopten medidas de transparencia e control parlamentar da acción do Xefe de Estado, a familia real e a súa actividade económica.

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acudiu ao Rexistro da Cámara xunto cos representantes do grupo parlamentar da Izquierda Plural, ICV e ERC para presentar esta solicitude conxunta.

Na rolda de prensa, Davila argumentou a necesidade desta Comisión de Investigación porque “40 anos despois de se abrir paso a monarquía parlamentar, é preciso que esta institución sexa sometida ao control do Parlamento e se lle apliquen criterios de transparencia á hora de dar conta da súa actividade”. Ademáis, subliñou, “estamos nun momento moi duro de crise económica, na que a cidadanía padece brutais recortes sociais, económicos e laborais”.

Unha institución que debe dar conta da súa actividade

Pero “aí están as contradicións do sistema: unha institución como a monarquía que non da contas de nada, que pervive nunha total falla de transparencia tanto no económico como noutras actividades”. Davila aludiu os “últimos escándalos que afectaron á Casa Real como o caso Urdangarín ou a viaxe do Xefe de Estado a Botsuana, feitos que demostran que máis que nunca é preciso que haxa transparencia”.

Non é de recibo que a Lei de Transparencia do Goberno Rajoy exclúa a Casa Real

Neste sentido, reprochou ao Goberno de Rajoy que tramite unha lei de transparencia “da que exclúe a Casa Real, algo que non entendemos”. A deputada do BNG deixou claro que “non imos parar con esta solicitude de Comisión de Investigación porque se se rexeitar, presentaremos outras iniciativas parlamentares”.

No texto presentado no Congreso, sinálase que “os últimos escándalos acontecidos co Xefe de Estado e a súa familia puxeron de relevo a falla de fiscalización económica e política desta institución, así como o dispendio que realiza con cartos públicos”. “As iniciativas realizadas desde diferentes grupos parlamentares, como o BNG, para coñecer as actividades do Xefe de Estado foron na súa maioría rexeitadas pola Mesa da Cámara, mantendo así a opacidade e a falla de control parlamentar sobre unha institución cuxo orzamento procede dos Orzamentos Xerais do Estado”.