BNG e PSdeG asinan un acordo para gobernar as Deputacións de Lugo e A Coruña cun modelo de xestión asentado na equidade e na igualdade
O documento, que leva por título Acordo para acadar a actuación nas Deputacións Provinciais e conformación dos gobernos provinciais, recolle a vontade do PSdeG e do BNG de avanzar nunha “decidida política de delimitación” das competencias dos entes provinciais para transferir á Xunta as consideradas impropias, ao tempo que se propoñen afondar na transparencia na toma de decisións e seguir afondando nun modelo alternativo ao do Partido Popular, no que garantir a equidade na xestión dos recursos é o principal sinal de identidade.
Neste sentido, ambas forzas reiteran o seu compromiso coa “desaparición de todo tipo de arbitrariedade, discriminación ou favoritismo” e reafirman que o obxectivo da súa acción de goberno desde os entes provinciais é “garantir a igualdade de servizos básicos para a toda a poboación”.
En paralelo a este acordo marco, PSdeG e BNG pecharon onte a negociación para cogobernar e constituír hoxe mesmo a Deputación de Lugo, e nos próximos días farase o propio coa Deputación da Coruña, que se constituirá o 18 de xullo.