BNG proporá no Parlamento un Plan de Emprego Xuvenil e a eliminación de tipoloxías de contratos lesivas para a mocidade
BNG levará a este próximo pleno do Parlamento galego distintas iniciativas para, por unha banda, impulsar a posta en marcha dun Plan Galego de Emprego Xuvenil que permita afrontar o contexto de “desemprego, temporalidade e precariedade” que vive a mocidade e, por outra, propoñer a eliminación de determinadas tipoloxías de contratos, “especialmente lesivas para a xente nova, como os contratos de formación ou en prácticas”.
Así o avanza o portavoz nacionalista de Mocidade na Cámara, Paulo Ríos, quen advirte de que a crise orixinada pola pandemia “veu poñer de manifesto os graves problemas estruturais que vive o noso país, con consecuencias que comezan a verse a día de hoxe”.
Neste sentido, recorda que a mocidade é unha das grandes prexudicadas no ámbito laboral, “cunha destrución de emprego de máis de 15.000 postos de traballo” e cun contexto onde, segundo recalca, “só 2 de cada 10 mozxs recuperaron o emprego despois deste ano de pandemia”.
Ríos pon o foco no feito de que os postos de traballo destruídos concéntranse maioritariamente naqueles sectores que acumulan maiores índices de ocupación entre a mocidade, como son os da hostalería ou o comercio, “sectores especialmente precarios e onde a temporalidade son a norma”.
Así pois, o deputado nacionalista tamén defenderá no pleno a necesidade de derogar as distintas reformas e contra-reformas laborais do PP e o PSOE, sobre as que xa ten manifestado que están a facilitar que as grandes empresas sigan aproveitando a posibilidade de acollerse a contratos temporais e aos baixos salarios co obxectivo de acadar máis beneficios.
A diferenza das políticas de emprego desenvolvidas polas dúas forzas estatais, “dende o BNG entendemos que apostar pola mocidade é apostar polo futuro deste país”, conclúe o portavoz de Mocidade para explicar as razóns polas que a fronte nacionalista levará á vindeira sesión plenaria este paquete de iniciativas.