BNG propón a "Tarxeta 30", intermodal e con tarifa plana para axudar á mobilidade das familias ante a subida dos prezos
A tarxeta nominativa permitiría desprazarse por toda Galiza vía tren, autobús, barco e taxi rural por un custe de 30€/mes sen límites de viaxes
Pontón: “Axudamos ós galegos e ás galegas ante a crise e fomentamos unha mobilidade sustentable promovendo o uso do transporte público”
O incremento da inflación repercute especialmente na mobilidade das familias, da xente moza e da clase traballadora, ante a carestía dos carburantes ao que se engade o custe das peaxes, entre as máis caras do Estado. Neste contexto, o BNG presenta a denomina Tarxeta 30 Toda Galiza, unha tarxeta plana de transporte intermodal que por un importe mensual de 30 euros permite a calquera persoa viaxar por todo o País vía tren, autobús, barco e taxi rural.
“A necesidade da mobilidade está aí, por razóns de traballo, de ocio, para facer xestións ou ir ao médico, e hai que dar unha resposta ás familias, á clase traballadora e á maioría social á altura da crise prezos que estamos vivindo, tendo en conta que encher o depósito de gasolina tense convertido nun luxo para moitísimas persoas”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación da proposta do Bloque, precisamente desde a estación intermodal de Santiago.
Coa Tarxeta 30 Toda Galiza, ademais de axudar a chegar a fin de mes nunha Galiza con salarios e pensións que están á cola, o BNG tamén promove o uso do transporte público e, polo tanto, unha mobilidade sustentable. “Temos que dar unha resposta á altura do momento”, recalcou a líder nacionalista.
“Este tipo de tarxetas de tarifa plana son habituais en toda Europa”, destacou, e para que saía adiante, “a Xunta ten que chegar a un acordo tanto co Estado como cos concellos, tendo en conta, ademais, que a intermodalidade é moito máis que a posta en marcha dunha infraestrutura, “ten que haber horarios e tarifas atractivas e conexións adaptadas ás necesidades e á realidade das persoas usuarias”.
Pontón destacou que o BNG xa puxo sobre a mesa esta proposta durante o debate da emenda á totalidade dos orzamentos, de tal xeito que incluía unha partida de 50 millóns de euros con cargo ás contas de 2023 para contribuír a sufragar esta tarxeta. “É unha medida importante para axudar ás persoas que peor o están pasando coa crise de prezos, facer unha aposta polo transporte público e fomentar unha mobilidade que non discrimine ás persoas en función do seu nivel de renda”.
A Tarxeta 30 permitiría que con trinta euros ao mes se poda viaxar de xeito ilimitado por toda Galiza a través do transporte público, “pedimos ao PP que acolla esta proposta”, recalcou Pontón, sabendo que unha política integral de fomento do transporte público non se acaba nesta iniciativa.