BNG propón reforzar o SAF, impulsar a teleasistencia e ampliar a rede de residencias públicas para mudar o modelo de coidados
Olalla Rodil advirte de que 6 de cada 10 centros de día son privados e tamén o son 8 de cada 10 prazas residenciais, das que o 20% pertencen a DomusVi
A viceportavoz nacionalista acusa á Xunta de conivencia co grupo empresarial e de favorecer que o dereito á vellez digna sexa un negocio
BNG vén de presentar no Parlamento galego unha moción para mellorar o modelo de coidados, especialmente os destinados á dependencia, e na que propuxo, por unha banda, o reforzo do Servizo de Atención no Fogar (SAF), ampliando o financiamento da Xunta pero tamén os tipos de coidados e horas do servizo, despregando ao mesmo tempo un plan de inspección para garantir o cumprimento dos dereitos laborais e salariais das traballadoras; e, por outra, a ampliación da rede de centros de día e residencias públicas, priorizando os concellos e comarcas que non contan na actualidade con este servizo e mudando o actual modelo residencial cara a un baseado en máis persoal de atención directa, centros de menor tamaño, unha maior integración sociosanitaria e unha maior participación de residentes e familiares nos órganos de xestión.
A estes dous eixes a viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, engadiu un terceiro: o despregamento real e efectivo da teleasistencia como recurso fundamental e co obxectivo de dar cobertura progresivamente ao conxunto das persoas maiores de 65 anos que viven soas (hoxe en día só se benefician 122.700 persoas) e non só como formula o goberno español, ás de grao de dependencia I. Segundo explicou, trátase, en definitiva, de ir implementando “un modelo de coidados máis humano e, sobre todo, máis público, que garanta o dereito á autonomía persoal e a unha vellez digna no que estas non volvan ser nunca máis un negocio”.
Porque a proposta nacionalista vai encamiñada precisamente a “acabar co tremendo negocio no que se converteu o dereito a unha vellez digna en Galiza e coa conivencia que a Xunta ten coas empresas e entidades privadas que xestionan a maior parte destes servizo”. “A saber, o grupo DomusVi”, recriminou Rodil, para a continuación reprochar ao Goberno de Feixóo a vacinación da conselleira delegada deste grupo empresarial e do seu irmán, “saltándose o protocolo”.
“Tan grave é que esa empresaria se coe como que a Xunta llo permita e mesmo lle aplauda -denunciou- e para colme dise que a Xunta non pode demostrar se houbo irregularidade algunha ou non porque é unha actividade dunha empresa privada!”. “Pero quen decide quen se vacina neste país, DomusVi ou a Consellería de Sanidade? Porque para ser a actividade dunha empresa privada ben que lle pagamos a vacina todas e todos”, criticou. Para o BNG “é indecente” que se lle diga á cidadanía que “se lideras unha multinacional das residencias non hai nin orde nin protocolo, pero se te chamas María García e traballas nun centro de saúde, esperas”, recalcou a viceportavoz.
Rodil baseou os seus argumentos nos datos que arroxa o actual modelo asistencial do PP: 8 de cada 10 prazas residenciais en Galiza son privadas e delas o 20% pertencen a DomusVi; 6 de cada 10 centros de día son privados e, por riba, non están na maior parte do territorio (de feito, 1 de cada 5 maiores de 74 anos viven en lugares onde o servizo de residencial e de centros de día é nulo ou moi deficiente); e a teleasistencia apenas supera as 8.370 persoas nun país no que hai máis de 65.200 con algún grao de dependencia recoñecido e 122.731 maiores de 65 anos que viven soas.
Ante esta radiografía, asegurou que, cun dos maiores niveis de aventellamento de Europa, “Galiza non pode soster o dereito a unha vellez digna sobre este nivel de privatización e precariedade dos servizos”, polo que o BNG quere pór o foco no deseño de políticas públicas orientadas a configurar un novo modelo de coidados de longa duración, un modelo integral que poña no centro a vida das persoas.
A formación nacionalista aposta por un modelo público e próximo que permita a permanencia nos propios fogares o maior tempo posible; que acompañe as persoas ao longo das distintas etapas vitais despregando un conxunto de servizos multinivel, e que, segundo subliñou Rodil, “faga ao conxunto da sociedade co-responsábel do coidado porque, ante a ausencia de políticas e servizos públicos son as mulleres as que asumen por enteiro un traballo non remunerado, non recoñecido e mesmo desprezado moitas veces”. A moción non prosperou polo veto do PP.