BNG propón reformar a lei electoral para facer obrigatorios dous debates en horario de máxima audiencia nas campañas
Rodil defenderá no Pleno a ampliación do dereito a voto ás persoas maiores de 16 anos, como xa sucede en países como Austria ou Escocia e en varios landers
“Trátase de adaptar a lexislación á evolución dos tempos, ao pluralismo político e, con iso, mellorar a calidade democrática”, asegurou a viceportavoz do BNG
A viceportavoz do BNG Olalla Rodil será a encargada de defender no pleno desta semana unha proposición de lei para a reforma da lei electoral que inclúe, entre outros puntos, o de garantir que durante as campañas se celebren nos medios de comunicación públicos e de maneira obrigatoria un mínimo de dous debates electorais en horario de máxima audiencia. O BNG propón tamén a inclusión de entrevistas ás persoas candidatas das distintas opcións políticas tamén en horario de máxima audiencia.
“Trátase de adaptar a lei electoral galega á realidade social actual e, sobre todo, garantir un maior respecto polo pluralismo político que existe no País fundamentalmente a través dos medios de comunicación públicos”, asegurou Rodil nunha rolda de prensa na que avanzou o contido da proposta do BNG.
Rodil lamentou que a radio e a televisión públicas de Galiza se teñan convertido nos últimos tempos nun “instrumento partidista ao servizo do PP”, pero de “maneira obscena” nas últimas semanas “con grellas nos telexornais nos que o PP nas súas múltiples formas está omnipresente mentres o resto das opcións políticas aparecen, se aparecen, reducidas á mínima expresión”, denunciou. Rodil tirou de ironía e aludiu, en referencia a Alfonso Rueda, a “esa persoa que ten moita sorte” porque “aparece no medio do informativo e en horario de máxima audiencia”, sen que ao resto de líderes políticos se lles dea esa oportunidade.
A deputada nacionalista lembrou ademais que nos últimos procesos electorais, tanto nas municipais como nas xerais, a CRTVG “negou o dereito ás galegas e galegos ao pluralismo político” e mentres todas as canles públicas e privadas organizaron debates en horario de máxima audiencia, a Compañía da Radio Televisión Pública de Galiza emitiu un único debate ás dez da mañá en día laboral, “impedindo que a xente puidese velo”.
Salientou, neste sentido, a obriga dos medios de comunicación públicos de reflectir o pluralismo político da sociedade, sen intentar “teledirixir” a opinión da xente do País, e puxo de manifesto a relevancia cada vez maior que teñen os debates electorais, “que deben estar regulados por lei e ter un carácter obrigatorio”. “Un debate electoral non se fai para maior gloria de quen se presenta ás eleccións senón como dereito dos cidadáns a coñecer que propoñen e que defenden cada un dos candidatos”, advertiu.
A proposta de reforma da lei electoral que fai o BNG tamén inclúe a ampliación do dereito a voto ás persoas maiores de 16 anos, ao ser esta a idade na que se considera que existe consentimento activo noutros ámbitos importantes da vida e do dereito, como a sinatura dun contrato laboral, decidir en materia sanitaria ou casar.
Trátase de “recoñecer o dereito da mocidade maior de 16 anos a participar activamente nas decisión que lle afectan, a comezar pola elección dos seus representantes políticos no Parlamento de Galiza”, explicou Olalla Rodil, que lembrou que a maioría de idade para votar aos 16 xa está recoñecida en países da nosa contorna como Austria ou Escocia, en catro estados (länders) de Alemaña, entre eles o de Bremen.
A modo de resumo, Rodil explicou que a reforma que propón o BNG para unha lei que xa ten case corenta anos, pois data do 1985, ten por obxectivo “adaptar a nosa lexislación á evolución dos tempos, garantir o pluralismo político que existe e, con iso, mellorar a calidade democrática e a lexitimación social do modelo de representación institucional que temos actualmente”.BNG