BNG propón unha reforma fiscal para garantir a progresividade real e a xustiza social
Rego defende medidas xustas e urxentes para paliar a escalada de prezos que está a provocar o empobrecemento das clases populares
Reclama, a través dunha iniciativa para o seu debate no Congreso, cambios estruturais que fagan que Galiza sexa menos vulnerábel á volatilidade dos prezos a nivel mundial
O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra para o seu debate no pleno do Congreso iniciativas para o impulso de medidas xustas e urxentes para combater as consecuencias da escalada de prezos na economía da Galiza. A frente nacionalista reclama impulsar unha reforma fiscal para dotar de verdadeira progresividade o sistema tributario, a comezar polo IRPF para aliviar as carga impositiva das persoas máis vulnerábeis. Neste sentido, propón tamén que, mentres dure a situación de inflación, se aplique a deflación da tarifa do IRPF, tanto autonómica como estatal, para que a tributación sexa sobre os rendementos reais, así como tamén, modificar a normativa que regula as dietas de locomoción aumentando as contías límite de gasto, elevándoas, cando menos, até 0,30€.
O empobrecemento da sociedade debido á subida exponencial da inflación é un problema político e social de primeira orde. O BNG considera urxente actuar e pór en marcha medidas en beneficio das maiorías socias, por este motivo propuxo xa, nas diferentes institucións das que forma parte, unha batería de accións concretas para que tanto o Goberno estatal coma o galego, poñan freo as consecuencias da crise para os sectores máis vulnerábeis.
O medre disparado da inflación- 8% interanual na Galiza e 7.6% no conxunto do Estado con datos de febreiro- obsérvase de forma xeneralizada en todo tipo de produtos, con todo, algúns fano de forma drástica e afectan indirectamente, no prezo doutros bens e servizos. A electricidade subiu un 111,5%% no mes de febreiro, con respecto ao mes de febreiro do ano pasado; o diésel un 29% e a gasolina un 25,9%. “As explotacións gandeiras están a sufrir uns incrementos na factura eléctrica de 50% e de 20% e prevese un empeoramento ao que debe sumarse a crise de abastecemento de cereais” indica o deputado do BNG. Ademais, os alugueiros incrementáronse ao redor de 7% desde 2015 e, segundo a FAO, o prezo dos alimentos a nivel mundial está na súa cota máis alta desde os últimos 60 anos.
Para o deputado do BNG, é necesario que os gobernos, tanto o da Galiza como do Estado, impulsen distintas políticas públicas para dar resposta á escalada de prezos que ven a superporse aos problemas estruturais xa existentes na economía galega e aos derivados dos efectos da pandemia, e que poñen en grave risco a capacidade de resiliencia e adaptación dos sectores produtivos e industriais. As receitas do BCE ou da Unión europea para controlar a inflación son fundamentalmente de carácter monetario, “mais a experiencia mostra que as medidas monetarias non sempre son as máis adecuadas e que poden ter ademais un impacto negativo sobre a actividade económica e o emprego” destaca.
“Mentres dure a situación de inflación, o Goberno ten que levar a cabo todas as accións necesarias para a deflación da tarifa do IRPF autonómica e estatal para evitar a tributación sobre rendementos nominais e non sobre rendementos reais” explica a iniciativa o deputado do BNG. Rego tamén apunta na necesidade de estabelecer distintos tipos de gravame en función da natureza dos rendementos e “sinalar as compensacións a través de deducións que sexan inversamente proporcionais aos tipos de gravame que soporten os suxeitos pasivos”.
Rego sinala a necesidade de “impulsar unha profunda reforma fiscal para dotar de progresividade real o IRPF, cuestión na que se centra esta iniciativa, mais tamén é preciso revisar os impostos sobre o Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns para aliviar as situacións máis vulnerábeis e aumentar a recadación gravando as rendas máis altas de forma que Galiza, e o conxunto do Estado, non perda recursos e que estes poidan ser reinvestidos en políticas de protección social e de dinamización económica”.
Esta escalada xeneralizada de prezos fai que, ao longo das tres últimas décadas, nunca fose tan caro vivir como hoxe e que as repercusións sexan absolutamente brutais en termos económicos e sociais. Cabe lembrar que isto sucede no marco dunha crise de materiais que afecta profundamente á industria da construción ou automobilística e que sucede tamén nun momento onde a desigualdade da sociedade ten unhas dimensións que levan a que máis dun cuarto da poboación galega estivese xa en risco de exclusión social segundo os datos de 2020 da Rede Galega contra a pobreza.
Por este motivo, a organización nacionalista reclama unha modificación na normativa que regula as dietas de locomoción ás traballadoras e traballadores para dar cobertura ao aumento das contías límite dos gastos de dietas e locomoción retribuídos a traballadores e traballadoras “para que gocen de exención, atendendo ao aumento de prezos de gastos de estadía, manutención, transporte público, até unha contía de 0,30€”.