BNG propón reducir o IVE ao 4% a todas as actividades culturais
Néstor Rego presentou varias emendas ao Proxecto de Lei pola que se aproban medidas económicas de apoio ao sector cultural nas que se demanda ampliar o abanico dos e as artistas aos que van destinados. Exclúese a tauromaquia: por non tratarse dunha actividade cultural.
A formación nacionalista ve necesario que se facilite o acceso ás liñas de crédito e financiamento, non só a empresas que buscan un beneficio económico, senón tamén entidades, asociacións ou cooperativas sen ánimo de lucro.
O BNG esixe manter vixentes as medidas de apoio ao sector da cultura mentres duren as restricións sanitarias.
O Bloque Nacionalista Galego, ante a crise causada polo coronavirus que está a provocar graves efectos de caracter laboral, económico e social, tamén no sector cultural, e que mostra unha vez máis a precaria situación na que se atopan moitos e moitas creadoras e artistas, presentou diversas emendas ao Proxecto de Lei pola que se aproban medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID19.
O BNG insta o Goberno español a que se modifique o IVE a todas as actividades e bens culturais para que se lle aplique o tipo superreducido do 4%, sen ningunha limitación. Entre elas, a entrada a bibliotecas, arquivos e centros de documentación, museos, galerías de arte, pinacotecas, salas cinematográficas, teatros, circos, concertos, e aos demais espectáculos culturais en vivo. Nese sentido, fronte á pretensión do Goberno de incluír as touradas entre as actividades subvencionadas, o BNG propón a súa exclusión partindo de que a tortura nunca pode ser cultura.
O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou ampliar o perfil das e os artistas aos que van destinadas estas axudas económicas, pois entende que as creadoras e creadores culturais van máis aló dos espectáculos que se realizan en vivo. Néstor Rego destacou que o Proxecto de Lei limita a uns poucos artistas o acceso a estas axudas económicas que axudarían a mellorar a súa situación profesional.
Doutra banda, a formación nacionalista ve necesario que se facilite o acceso ás liñas de crédito e financiamento, non só a empresas que buscan un beneficio económico, senón tamén entidades, asociacións ou cooperativas sen ánimo de lucro. “Na Galiza, moitos dos proxectos culturais son organizados por diversas asociacións sen ánimo de lucro. Por este motivo, o BNG considera necesario que estás entidades tamén se poidan beneficiar destas liñas de financiamento” destacou Néstor Rego.
O BNG pide especificar a duración da aplicación destas medidas de compensación. Aposta por mantelas vixentes mentres duren as restricións para que desta maneira póidase ter en conta posíbeis surtos que impidan a realización de actividades culturais que xa estaban organizadas previamente ou se estivesen desenvolvendo nese momento. Rego explicou que “desta forma, poderíanse aplicar estas medidas a calquera actividade cultural que se teña que ver suspendida ou modificada por motivo da COVID”.
Respecto ás actividades culturais subvencionadas, o BNG reclama estabelecer un marco de concreción temporal máis amplo que o que propón o Goberno español, e fixar a súa vixencia mentres duren as restricións derivadas da pandemia da COVID19.
Modificación da Lei de Universidades
Na modificación da Lei de Universidades incluída polo Goberno español neste proxecto, o BNG esixe que o déficit creado pola eliminación das denominadas pinzas nos prezos públicos universitarios sexa compensado desde os Orzamentos Xerais do Estado para non impoñer esa carga ás Comunidades Autónomas, especialmente tendo en conta que o sistema universitario galego estivo historicamente infrafinanciado. A formación nacionalista aposta porque os prezos públicos sexan accesíbeis para todas aquelas persoas que desexen estudar pero denuncia que se pretenda reducir a recadación por esta vía sen achegar recursos por parte do Estado para seguir financiando a educación pública.