BNG propón recuperar para o seu uso agrogandeiro as terras forestadas ilegalmente e facilitar así a produción de insumos
BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta volva á legalidade “os milleiros de hectáreas forestados ilegalmente para a súa utilización agrogandeira”, unha medida que facilitaría a produción de insumos destinados ao sector, que está a sufrir a alta dependencia de mercados externos con prezos totalmente desorbitados na actual escalada inflacionista.
Así o defendeu o portavoz nacionalista de Agricultura, Mini Rivas, quen advertiu da “debilidade absoluta do sistema produtivo galego” para enfrontarse á actual situación de “clara especulación cos insumos”, con tan só o 13% de cultivos e un 21% de superficie agraria útil.
“O rural galego presenta un mosaico interrompido constantemente por plantacións forestais, o que impide a posibilidade de poñer en cultivo, con métodos modernos, cereal a prezos competitivos”, explicou, para recalcar a continuación a necesidade de que o Goberno galego actúe “porque se os prezos dos insumos se elevan brutalmente como se están elevando, aos agricultores e gandeiros deste País só lle quedan dúas saídas: ou subir os prezos a todos os produtos ou pechar”.
Rivas recordou que o 60% dos custos de produción corresponden a insumos e que a tonelada de millo pasou de 180 euros a superar os 400 euros, polo que considerou urxente acometer medidas estruturais que permitan diminuír a dependencia doutros mercados e camiñar cara a un grao óptimo de soberanía alimentaria que permita evitar que se volvan repetir situacións como a que se deu ao inicio da guerra de Ucraína e que aínda se mantén a día de hoxe.
Logo de advertir que “é certa a posibilidade de colapso” no sector, urxiu ao Goberno galego a reaccionar politicamente para reverter un contexto que non se soluciona no curto prazo, senón con tempo e a base de medidas de carácter estrutural. “Agora temos a posibilidade de plantar maínzo ou millo forraxeiro, pero o cereal de inverno, ata o inverno que vén, non hai solución”, alertou, para recalcar a continuación que “nestes momentos, ou diminuímos a cabana gandeira ou producimos insumos”.
O deputado nacionalista recriminou ao Executivo do PP o seu desleixo co sector agrogandeiro e co medio rural do País ao longo dos seus 12 anos de goberno e, nomeadamente, ante a actual crise derivada da escalada de prezos: “nos últimos catro Consellos da Xunta non saíu ningunha medida a prol do medio rural, ningunha”, reprobou.
Rivas concluíu reclamando á Xunta que sitúe ás e aos labregos e gandeiros no centro da recuperación do sistema agrario galego, en referencia á Lei de Recuperación de Terras Agrarias porque, segundo advertiu, “o que non vai valer é o abandono de terras agrarias para substituír os seus axentes por macroempresas que montan macroexplotacións e que de vez en cando visitan con máquinas ditas terras”. A iniciativa non prosperou polo veto do PP.