BNG propón que a Xunta participe na cogobernanza do PERTE para o sector naval e que entre no consello de Navantia
BNG defendeu unha proposición non de lei no Parlamento galego para instar á Xunta a demandar do Goberno estatal a súa participación no sistema de cogobernanza do PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica) para o sector naval e a súa entrada no consello de administración de Navantia, así como a constitución dunha mesa de negociación entre os dous executivos, a dirección da compañía e os tres sindicatos representativos do sector en Galiza para abrir un proceso de renovación de infraestruturas ligado a un proceso de recuperación de actividades nos estaleiros da ría de Ferrol, nomeadamente da construción naval civil. Segundo explicou o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, a iniciativa nacionalista responde á necesidade de denunciar a falta de implicación de ámbolos dous gobernos co sector de Ferrolterra e de demandarlles “un cambio radical na súa política e nas súas actuacións para coa comarca, “é dicir, unha implicación real”, recalcou.
O deputado do BNG reprobou a exclusión das comunidades autónomas en todo o relativo ao deseño ou xestión do PERTE e salientou que Galiza é o único territorio do Estado onde a densidade de empresas vinculadas ao sector supera as 100, converténdose así no que recibe máis impacto das políticas relativas ao sector naval, polo que esta exclusión, no caso galego, “non ten ningún tipo de xustificación en función do peso que ten o sector en Galiza” e pese a que o Goberno considera preciso establecer un sistema de cogobernanza, “pero exclusivamente entre ministerios, o que resulta sorprendente xa que as competencias en materia de industria son, no caso galego, propias da Xunta”.
De igual xeito, apuntou que, a diferenza dos PERTEs para a automoción ou o do hidróxeno e as enerxías renovables (cos proxectos da fábrica de baterías de Volkswagen-Seat en Sagunto e o do centro de I+D+i para o almacenamento de enerxía en Estremadura, respectivamente), o Executivo central non estableceu no caso do sector naval ningún proxecto concreto que vaia ser central e que de inicio xa se sabe que vai conseguir o financiamento europeo.
“O Goberno estatal non ten un proxecto para o sector e a Xunta tampouco, nin para o sector naval en xeral, nin para o sector naval da comarca de Ferrol en concreto”, criticou, para engadir a continuación que a Xunta ten constituída a sociedade Impulsa Galiza, xunto con Abanca, Reganosa e Sogama, para madurar as iniciativas da candidatura galega aos fondos Next Generation agrupadas arredor do Polo para a Transformación de Galiza.
“O certo é que esta candidatura galega -presentada hai xa máis dun ano-, en realidade a candidatura do PP, porque non a pactou con ninguén, xa tiña toda a pinta de non ser máis que un acto de propaganda, un bluf, e parece que co tempo vén concretándose esta posibilidade, mais aínda así, xa chamaba a atención que o sector naval non aparecera no listado; é dicir, non o teñen vostedes en conta nin para facer que fan”, reprobou con severidade.
Así pois, para o deputado nacionalista queda claro que “nin uns nin outros teñen ningún proxecto para o sector naval de Ferrol e coinciden en fiar todo á construción das fragatas e ás enerxías renovables, o que considerou “un erro, unha irresponsabilidade e unha discriminación”, dado que este modelo xa “ten acreditado, por activa e por pasiva, ser insuficiente para impulsar unha recuperación económica, social e demográfica da comarca”, polo que insistiu na necesidade de abrir un proceso en Navantia Ferrol para a recuperación de actividades, nomeadamente a construción civil, acompañado doutro para a modernización de infraestruturas.
Fernández cualificou de “absolutamente obsceno” que PP e PSOE utilizasen como argumento para vetar a iniciativa que non debe haber intromisións políticas ou sindicais na gobernanza das empresas: “dígannos entón quen impuxo as restricións a Navantia e quen as mantivo durante 40 anos. Todo o mundo saben en Ferrol que isto foi unha decisión política, unha cruz no mapa”, recriminou con severidade.
“Dígannos que os investimentos dos fondos Next Generation non van depender do peso político que cada territorio teña no Estado español; non creo que se atrevan a tanto”, incidiu, para concluír reclamando a ámbalas dúas forzas estatais que “se deixen de escusas case insultantes” e se impliquen co sector naval e coa comarca de Ferrol, “a comezar por cambiar as políticas e levantar os vetos”.