BNG propón que como mínimo sexa pública o 50 % da vivenda protexida e que a metade desta sexa para alugueiro

Alexandra Fernández

A alternativa do Bloque inclúe tamén VP para sempre, axuste de prezos para blindar a accesibilidade das rendas baixas e mobilización de pisos baleiros  

Alexandra Fernández acusa o PP de introducir modificacións pola porta de atrás para beneficiar fiscalmente a quen especula co mercado inmobiliario

A deputada do BNG Alexandra Fernández defendeu no Pleno unha proposición non de lei para pasar da “propaganda do PP” e dos “anuncios baleiros sen credibilidade” a unha política en materia de vivenda con “visión estratéxica” que permita poñer límite aos prezos, garantir a accesibilidade e promover modelos urbanos sostibles.

“O PP sostén que a desregulación e aumentar os beneficios de quen especula coa vivenda vai facer que se constrúa máis, pero de que vale que se constrúa máis se non se pon nin unha soa medida para frear que as vivendas acaben sendo para uso turístico ou con prezos imposibles”?, preguntouse a deputada nacionalista.

Entre outras cuestións, o BNG propón que toda a vivenda de protección (VP) -e non só unha parte, como quere o PP- teña a cualificación de permanente, e que polo menos o 50 % sexa de promoción pública, é dicir, construídas directamente pola Administración. Ademais, segundo a proposta nacionalista, un mínimo do 50 % da vivenda suxeita a algún réxime de protección tería que estar destinada ao alugueiro.

Na defensa da iniciativa, rexeitada polo PP, Alexandra Fernández reclamou ademais un axuste de prezos baseado en indicadores reais da evolución do prezo da construción, “sen que quede ao arbitrio dunha conselleira que traballa ao servizo das construtoras”, dixo.  “Mentres a Xunta anunciaba máis vivenda protexida, aprobada unha suba de prezos desproporcionada e inasumible”, do 8 % o ano pasado e de outro 30 % este 2024, o que vai facer que un piso protexido de tamaño medio custe algo máis de 200.000 euros para que ten uns ingresos de 1.500 euros.

Co mesmo obxectivo de camiñar cara unha nova política de vivenda, a alternativa do Bloque recolle un aumento significativo das porcentaxes de reserva de solo, como mínimo, ata o establecido na lexislación estatal, eliminando ademais os criterios de revisión á baixa destas porcentaxes que fai cada ano a Xunta, que deixa en papel mollado a reserva do 30 % que recolle a Lei do Solo.

A deputada do Bloque defendeu ademais unha política de vivenda que dea prioridade as actuacións sobre o xa construído, porque “é máis barato, máis áxil e máis sostible”. Neste sentido, defendeu a creación de áreas de incorporación de terreos e inmobles aos patrimonios públicos onde se arbitren instrumentos como o dereito de tenteo que, subliñou, agora nin tan sequera se exerce nas transmisións de VP.

Outra das propostas do BNG, incluída na proposición non de lei debatida no Pleno, é o establecemento de aloxamentos dotacionais, unha fórmula pensada para dar aloxamento temporal a persoas con especial dificultade de acceso á vivenda.

Todas estas iniciativas que Alexandra Fernández contrapuxo aos anuncios do Goberno do PP, que teñen “credibilidade cero” e que se enmarcan nunha política pensada para beneficiar a quen especula coa vivenda, tal e como se reflexa nos cambios introducidos “pola porta de atrás” na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2025. 

Agasallos fiscais para fondos de investimento

Denunciou, neste sentido, que as bonificacións fiscais anunciadas polo Goberno de Rueda para quen merque vivenda e a poña en alugueiro serán só para quen adquira o inmoble completo, é dicir, “agasallos para fondos de investimento que están atopando no alugueiro un nicho de negocio” aos que non se lles vai  esixir prestacións en forma de prezos taxados.

A portavoz de Vivenda do BNG criticou, por outra banda, que a Xunta limite a cualificación de permanente só para a vivenda de protección pública, o que vai permitir que “quen faga unha vivenda protexida en aluguer reciba subvencións de até o 50 % do custe da construción, que en 15 anos se descualifica e pasa a ter valor de mercado”.

Advertiu así mesmo que as rebaixas para converter locais comerciais en vivendas, xunto á negativa a limitar as vivendas de uso turístico, suporá degradar a calidade urbana “sen que iso supoña unha mellora en termos de accesibilidade”. Tamén cuestionou as medidas para desregular e facilitar a transformación de solo por riba do planeamento urbanístico “para nun mes dar para adiante a proxectos urbanos de grande dimensión, en calquera tipo de solo e mediante expropiación forzosa”. 

Alexandra Fernández acusou ao PP de “amagar con copiar” a proposta do BNG sobre aloxamentos compartidos para menores de 36 anos, pero “en lugar de ser vivenda propiamente para uso temporal por un período máximo de 5 anos, o que fan é crear unha especie de residencia con habitacións privadas e salas comúns”. “Como sempre, velando polo beneficio privado e abrindo a porta á privatización da xestión, sen prezos máximos e cobrando por servizos, facendo negocio co problema da emancipación”, afeou.

“Son os orzamentos da especulación e da propaganda en materia de vivenda”, concluíu.