BNG propón que o Estado colabore para levar xiringas a Cuba que continúa aínda baixo o embargo dos EUA
Néstor Rego reclama o levantamento do bloqueo político, económico e comercial contra Cuba que impide a adquisición de xiringas e outros produtos sanitarios.
A formación nacionalista apoia a campaña promovida por SODePAZ e apoiada pola Asociación Francisco Villamil para a adquisición de xiringas e produtos relacionados coa fabricación das vacinas contra o coronavirus.
BNG leva ao Congreso a campaña de solidariedade internacional destinada á adquisición de xiringas para a vacinación contra a COVID-19 e facilitar a adquisición de produtos destinados á fabricación de vacinas e medicamentos en Cuba. Así mesmo, o deputado da frente nacionalista reclama ao Goberno do Estado apoiar o levantamento do bloque político, comercial e financeiro contra a illa e mediar para que se derroguen as leis Helms Burton e Torricelli co obxectivo de estabelecer unhas relacións baseadas no respecto á legalidade internacional, a paz, a soberanía nacional e a cooperación.
Os avances nas relacións entre Cuba e Estados Unidos durante os mandatos de Obama foron derruídos durante a presidencia de Trump que chegou a retirar persoal diplomático da Habana. Co goberno de Biden parece non ser unha prioridade revisar esta política internacional e continúa a manter o bloqueo con máis de corenta medidas contra Cuba. A curto prazo, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas volverá votar a necesidade de “poñer fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos contra Cuba”.
“Os acordos cubano-norteamericanos deben fortalecer a convivencia entre os dous países soberanos e veciños, facilitar os movementos de persoas e da economía, á vez que debe profundar nas garantías dos Dereitos humanos en ambos os países” enfatiza Rego. De feito, Cuba está a enfrontar grandes dificultades para obter equipamento e materias primas para a produción de medicamentos contra o SARS- COV-2.
“As doazóns e compras no exterior non puideron materializarse debido ás sancións que forman parte do bloqueo. Ademais, poden sinalarse outras agresións como as medidas adoptadas contra a cooperación médica cubana, os impedimentos para a renovación de licenzas de compañías, a redución extrema do transporte aéreo ou o ataque ás remesas, pois a compañía norteamericana Western Union cesou a entrega de remesas en Cuba por mor das medidas unilaterais do Goberno dos EEUU para impedir esa actividade na illa” explica o deputado nacionalista.
Segundo as cifras de SODePAz, a COVID-19 tivo un impacto limitado sobre a saúde en comparación coa grave afectación noutros países, pero unha enorme repercusión sobre a economía. As xiringas son das firmas norteamericanas Becton Dickinson e Cardinal Health, a alemá B Braun e a danesa Novo Nordisk. Con todo, Cuba non pode adquirir as fabricadas por empresas radicadas nos EEUU.
Así mesmo, é necesario envasar as vacinas nun vial farmacéutico clásico, o pequeno frasco no que se conserva e do que se extrae a vacina para a súa inxección. Por tanto, do mesmo xeito que se necesita ter vacinas suficientes para o conxunto da poboación, é imprescindíbeis ter viarias para esas vacinas e xiringas para poder aplicalas.
“A cadea de produción ata que unha vacina está lista para ser administrada é longa, complexa e global, pois involucra a varios países” afirma Rego. Neste contexto, os países que teñen capacidade de produción “están a bloquear a súa exportación, como é o caso de EEUU que bloquea moitos dos produtos imprescindíbeis para fabricar vacinas contra a COVID-19”.
En definitiva, aínda que Cuba dispón das vacinas producidas no país, carece doutros elementos necesarios para a campaña de vacinación como xiringas ou frascos para os viais, pois deben ser comprados no mercado internacional e Cuba non dispón das divisas suficientes. Estes produtos están monopolizados por poucas empresas, algunhas delas norteamericanas e debido ao bloqueo non poden ser vendidos á illa.
Neste sentido o BNG insta ao Goberno do Estado a que colabore nesta campaña para levar xiringas a Cuba, pero tamén levou iniciativas a outros ámbitos como é o caso do Concello de Santiago, onde a Portavoz municipal, Goreti Sanmartín, presentou unha moción para que Compostela participe tamén nesta proposta solidaria de apoio.