BNG propón que o Congreso convide a intervir no Pleno o presidente da RASD, Brahim Gali
Néstor Rego considera que sería de xustiza como un xesto “de apoio á causa saharauí e a unha solución xusta e duradeira ao conflito que permita ao pobo saharauí vivir en paz e liberdade”
A organización frentista reclama apoiar todos os esforzos para desbloquear o referendo de autodeterminación que permita ao pobo saharauí decidir o seu propio futuro
BNG acaba de rexistrar unha iniciativa para que o Congreso convide o presidente da República Árabe Saharauí Democrática ( RASD), Sr. Brahim Gali, a intervir ante o Pleno da Cámara como xesto de apoio á causa saharauí e como forza de impulsar o desbloqueo do referendo de autodeterminación que permita ao pobo saharauí decidir libremente o seu propio futuro. Néstor Rego lembra que o Estado español ten unha responsabilidade histórica co pobo saharauí.
O BNG lembra na súa iniciativa que o Sáhara Occidental é un pobo ocupado desde hai máis de 150 anos, primeiro por España e desde 1975 por Marrocos, momento en que, seguindo as resolucións das Nacións Unidas, o Estado español debeu descolonizar, recoñecendo a súa independencia. Pola contra, en novembro dese ano asinou o vergoñoso Acordo Tripartito de Madrid, polo que se procedía a repartir o territorio do Sáhara entre Marrocos e Mauritania. Posteriormente, e tras a retirada mauritana, Marrocos ocuparía a maior parte do territorio saharauí.
O deputado nacionalista, Néstor Rego, salienta que desde que en maio de 1973 foi fundada a Fronte Polisario, “o pobo saharauí leva 50 anos loitando de forma ininterrompida pola súa liberdade, nas últimas 9 décadas, e en condicións moi difíciles, contra o invasor marroquí” e lembra que Estado español, ten unha responsabilidade histórica co pobo saharauí, que deriva directamente da ocupación do territorio durante máis de 100 anos e do feito de non proceder á descolonización en 1975.
Por iso, “a única posición razoábel é apoiar todos os esforzos para desbloquear o referendo de autodeterminación que permita que o pobo saharauí decida libremente o seu propio futuro. Ademais, é urxente que o Goberno español exixa a Marrocos o respecto aos dereitos humanos da poboación saharauí que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sáhara Occidental”, sinala Rego.
O deputado do BNG destaca que na súa loita, o pobo saharauí non só ten do seu lado a razón, “tamén a legalidade internacional en forma de resolucións da ONU e a creación da MINURSO para a celebración dun referendo de autodeterminación que tería que terse realizado en 1992 e aínda a simpatía e o apoio dos pobos do mundo, que valoran e aplauden a dignidade coa que o pobo saharauí resiste e mantén a súa aspiración para vivir en paz e en liberdade na súa propia terra, nun estado soberano”.
Rego lembra que na Galiza, moitas institucións se pronunciaron en apoio da loita do pobo saharauí pola autodeterminación, entre outras o Parlamento de Galiza que aprobou diversas declaracións institucionais -por tanto, unánimes- nese sentido.
Mais, para o BNG, para alén do evidente apoio cidadán á causa saharauí, tamén ficou en evidencia en diversos debates no Congreso -tanto en Comisión como en Pleno- o apoio maioritario das forzas políticas a unha solución xusta e duradeira, sobre a base das resolucións da ONU, que permita ao pobo saharauí vivir en paz e liberdade.
É por iso que Néstor Rego cre de xustiza que o Congreso dos Deputados convide o presidente da República Árabe Saharauí Democrática ( RASD), Sr. Brahim Gali, a intervir ante o Pleno da Cámara “como xesto de apoio á causa saharauí e para escoitar unha voz digna en defensa da liberdade, a democracia e os dereitos do pobo saharauí e de todos os pobos do mundo”.