O BNG propón un plan integral de rexeneración para o Eume e pide que Endesa asuma os custes das súas agresións ambientais
O BNG reclama ao Goberno galego que Endesa asuma os custes de todos os anos de agresións ambientais no Eume, incluídos os derivados da retirada das lamas do encoro de Capela do último episodio de contaminación protagonizado pola eléctrica. De igual xeito, propón á Xunta que articule un proxecto integral de recuperación e dinamización dos territorios da bacía do río, con especial atención aos que forman parte do Parque Natural.
Así o expuxo no Parlamento galego o deputado Ramón Fernández logo da comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á quen afeou que o último incumprimento ambiental de Endesa ao baixar o nivel de auga do encoro por debaixo do permitido, “o que deixa á vista foran as vergoñas do seu goberno”. “Era cuestión de tempo que por circunstancias climatolóxicas ou fallos da infraestrutura que afectaran ao fluxo da auga no encoro, esas lamas se mobilizaran e acabaran no río como efectivamente pasou”, criticou, para a continuación concluír que estabamos ante “a crónica dun desastre anunciado”.
Neste sentido, o deputado nacionalista propuxo un proxecto integral de recuperación e dinamización para os territorios da bacía e do Parque Natural das Fragas do Eume que teña o seu punto de arranque nunha auditoría sobre o estado do río, con análises de contaminantes, especialmente un panel completo de metais pesados e hidrocarburos.
“A partir desta auditoría hai que comezar coa fase de recuperación, coa obrigada participación de Endesa, que debe asumir os custes de todos estes anos de agresións ambientais no Eume, e por suposto os custes de retirar as lamas”, afirmou. Segundo lembrou, a compañía xa avanzou que os vertidos se van repetir polo aumento do caudal ecolóxico e, ao seu xuízo, “a solución da Xunta non pode ser modificar a depuradora de Pontedeume para que poida tratar uns niveis de turbidez na auga superiores”.
Tal e como explicou Fernández, a segunda fase do Plan Eume sería a de dinamización, un proxecto de economía verde e circular que sirva de avanzada do Green New Deal galego porque, segundo recalcou, “unha dinamización destes territorios e do Parque Natural das Fragas pode ser a mellor imaxe de marca dun proxecto de país co que toda a sociedade galega se sinta identificada”.
O deputado nacionalista reclamou a participación democrática de todas as administracións e todos os axentes implicados no deseño do plan, polo que considerou preciso conferirlle un carácter plurianual. “Pedimos ambición; trátase dun primeiro paso que marque o camiño cara facer de Galiza aquela cidade-xardín na ribeira do Atlántico coa que soñaba Castelao; paga a pena”, concluíu.