BNG propón un plan estratéxico na urbanización de Navia, en Vigo, no que a Xunta comprometa o 75% para promoción pública
O BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta elabore un plan estratéxico sobre o desenvolvemento da vivenda protexida dos polígonos 1, 2 e 3 da parroquia viguesa de Navia no que defina a porcentaxe do tipo de vivenda protexida, de acordo coa necesidade real reflectida no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para Vigo.
Segundo explicou a portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, o 75% das persoas inscritas no rexistro en Vigo (4.200 das 5.600 totais) reclama promoción pública e, sen embargo, o Goberno galego só dixo ata o de agora garantir 80 vivendas neste réxime do total de 1.600 previstas en Navia, se ben non quixo facilitar, a reiteradas solicitudes do BNG neste sentido na Cámara, o dato exacto de cantas vivendas vai destinar finalmente á promoción pública nesta urbanización.
“Está vostede, señora conselleira, disposta a garantir que a porcentaxe de vivenda pública vai estar en concordancia á demanda real do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Vigo?”, retou Fernández á titular de Vivenda, unha pregunta que foi finalmente respondida co propio voto do grupo parlamentario do PP, que vetou a iniciativa.
“A cuestión é esa, que vostedes están escondendo os datos e non queren concretar que van facer exactamente en Navia porque vostedes non queren desenvolver vivenda pública e están xogando a dilatar os prazos”, recriminou a deputada nacionalista, logo de reprobar a política de desmantelamento da vivenda protexida durante os 13 anos de Núñez Feixóo na presidencia da Xunta.
“Antes da súa entrada no goberno, víñanse iniciando 2.000, 3.000 e incluso máis de 4.000 vivendas protexidas por ano; coa súa chegada pasamos a cifras tan baixas como 5 vivendas protexidas en 2015, 4 en 2016, 5 en 2017 ou 2 en 2018; é dicir, que pasamos de contalas por miles a contalas cos dedos dunha man”, censurou, para engadir a continuación que na última década só se iniciaron apenas 2.200 vivendas protexidas en todo o País.
Fernández criticou ao Executivo Feixóo a importación do modelo británico de Margaret Tatcher, non só pola drástica redución do número de nova vivenda protexida, senón pola “normalización dun modelo de vivenda protexida privatizado e de ataque á propiedade pública destas vivendas” e, neste sentido, recordou que, emulando o modelo implantado por Tatcher, a Xunta do PP lidera no Estado a política do aluguer con dereito a compra.
A portavoz nacionalista de Vivenda advertiu que coa última fase do proxecto de urbanización de Navia, o maior desenvolvemento urbano en Galiza dende hai décadas, a cidade Vigo “xógase a oportunidade histórica de ter un parque público de vivenda” e tamén a posibilidade de paliar “a crise moi grave de accesibilidade no mercado do alugueiro”.
Ao seu xuízo, isto pódese resolver cun plan estratéxico que prevea a promoción pública en Navia, reservando a porcentaxe que responda á necesidade real reflectida no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para Vigo (75%), establecendo un mínimo de vivendas en aluguer en cada promoción e reservar parte desta vivenda pública para responder a situacións de emerxencia habitacional como a provocada por desafiuzamentos ou a violencia machista, e para impulsar, dunha vez por todas, o denominado programa Housing First. “Faga os seus deberes, señora conselleira, e respondan ás necesidades da xente en materia de vivenda”, concluíu.