O PP non quere corrixir o colapso do Rexistro de Demandantes de Vivenda como propón o BNG
BNG propuxo no Parlamento galego un plan específico para corrixir “a situación de colapso” na que se atopa o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na que se atopan inscritas 15.000 unidades de convivencia “detrás das que hai unhas 50.000 persoas afectadas”, segundo explicou a portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández.
A iniciativa nacionalista, que foi rexeitada polo grupo parlamentario do PP, inclúe a análise e avaliación de distintas variables que permitirían diagnosticar con rigor a situación e, deste xeito, definir posteriormente as liñas de actuación prioritarias e os obxectivos concretos a acadar no novo plan de Vivenda.
Fernández responsabilizou á Xunta do colapso no Rexistro de Demandantes “porque a falta de creación de vivenda pública provoca que este tapón non baixe” e de soster a situación “aínda sendo conscientes do problema”. Ante o “fracaso” do anterior Plan de Vivenda 2015-2020 -no que xa se apuntaba como un dos principais problemas nesta área de actuación o citado colapso- concluíu que a única resposta posible en materia de vivenda “é un cambio de políticas”.
Neste sentido, propuxo primeiro a elaboración dunha análise da situación e, en segundo termo, o citado plan específico, “que opere como marco de referencia para o novo Plan de Vivenda” definindo o deseño de estratexias segundo perfís socioeconómicos e tendencias territoriais, “que garantan a adxudicación áxil de vivenda para todos os casos e, de forma permanente, nos de rendas máis baixas”.
De igual xeito, tamén defendeu a previsión de obxectivos e prazos temporais concretos, como o número mínimo de vivendas adxudicadas para cada tipo de vivenda, o número máximo de demandantes inscritos ou as porcentaxes mínimas segundo o réxime de adxudicación.
Como mecanismo de control, a deputada nacionalista avogou pola elaboración dun informe anual que avalíe a situación do Rexistro, así como o nivel de cumprimento das medidas, obxectivos e prazos marcados. Por último, propuxo a elaboración dunha campaña de difusión e divulgación do Rexistro “para axudar a coñecer este recurso entre a cidadanía, especialmente naqueles sectores de poboación que teñen serias limitacións para acceder á vivenda libre”.
Ante a posición do grupo parlamentario do PP, ao que recriminou a presentación dunha “emenda de liquidación” á iniciativa nacionalista, Fernández asegurou que o grupo que sostén ao Goberno “non ten intención de facer nin a máis mínima lectura crítica do colapso do Rexistro, cando logo do plan de vivenda anterior que perseguía solucionar esta situación non mudou absolutamente nada en cinco anos”. “A mensaxe que lanza a Xunta é que non ten nada que corrixir e que está conforme con que haxa xente incapaz de pagar o alugueiro que teñan que acudir ao Rexistro e que non atope ningunha solución”, concluíu.