BNG propón no Parlamento un plan de choque para recuperar a produción marisqueira na ría de Arousa que veta o PP
BNG propuxo no Parlamento galego unha análise das causas que motivan a progresiva merma da produción marisqueira na ría de Arousa, nomeadamente nos seus bancos de libre marisqueo, así como a implementación, de acordo co sector, das medidas necesarias para poñer freo a esta diminución e a elaboración, tamén xunto ao sector, dun “verdadeiro plan de choque que incida na recuperación a medio prazo da produción marisqueira da ría”.
Así o defendeu a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, ante a comisión sectorial da Cámara, nunha proposición non de lei que foi rexeitada polo PP o que, a xuízo de Pérez, deixa en evidencia cal é a posición do partido que sustenta a Xunta: “dicir que xa están facendo todo o que teñen que facer, que xa non van facer máis nada e que a ría se recupere soa, cando as condicións climatolóxicas o permitan”, resumiu.
A deputada nacionalista criticou así a posición do PP, que “vota sistematicamente en contra das propostas da oposición para buscar unha solución e poñer os medios que permitan reverter a situación, cando aquí deberiamos estar todos e todas co sector marisqueiro e coa produción marisqueira da ría de Arousa”, e reprochou os seus argumentos “absolutamente tediosos e que non levan a ningún lado”.
Neste sentido, rexeitou que a baixa salinidade das augas orixinada polas choivas de febreiro de 2021 xustifique a preocupante evolución dos datos na ría ao longo da última década: máis de 800 toneladas de produción de ameixa babosa en 2010 ás pouco máis de 127 en 2021 e dos 800 barcos faenando nos bancos de libre marisqueo aos 400 actuais, exemplificou.
“Estamos falando dos últimos 10 anos e non son datos do BNG, son datos das propias confrarías e da Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (AGADE)”, subliñou, para advertir a continuación que, ademais, lonxe de diminuír, os vertidos na ría “van en aumento”, cun total de 458 en 2021, 14 máis que no exercicio anterior, segundo datos de Augas de Galiza.
Pérez tamén alertou sobre os datos dos mostreos realizados polas confrarías noutras especies e zonas da ría, que presentan valores descendentes preocupantes, e da contaminación que, a maiores dos vertidos de augas residuais, afecta á ría procedente do río Ulla fundamentalmente, pero tamén do Umia e Sar, da falla de control na expulsión dos sedimentos que se almacenan no encoro de Portodemouros ou dos continuados vertidos industriais contra os que tampouco se actúa. “Ou as medidas que se están a tomar non son as axeitadas ou non son suficientes”, concluíu con severidade ante os argumentos do PP para rexeitar, unha vez máis, unha proposta nacionalista encamiñada a reverter a situación da produción marisqueira na ría de Arousa.