BNG propón un paquete de medidas para mudar as políticas fracasadas da Xunta en prevención e extinción de incendios
María Albert recrimina ao Goberno galego o seu “nulo” recoñecemento de erros logo dos graves lumes do verán e que se negue a cambiar de modelo
Recorda a Rueda que o PP vetou todas as iniciativas do BNG para ampliar o contrato dos bombeiros forestais de 9 a 12 meses que anuncia agora
O BNG defendeu no Parlamento galego unha moción para mudar as políticas fracasadas da Xunta en materia de prevención e extinción de incendios ante un Goberno do PP instalado na “propaganda” e cun “nulo recoñecemento de erros, unha nula asunción de responsabilidades e cero interese por mudar as cousas”, logo dos lumes do verán nos que arderon case 50.000 hectáreas por todo o País.
Así o afirmou a portavoz nacionalista de Montes, María Albert, quen propuxo catro propostas básicas para abordar a loita contra os lumes, a comezar por corrixir de inmediato a cobertura de vacantes, baixas e vacacións do persoal dentro do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPDIF) garantindo que as brigadas de bombeiros forestais funcionen con todos os seus efectivos; e por iniciar os trámites precisos para a substitución de cara á campaña de 2023 das brigadas de 6 a 9 meses por brigadas anuais públicas e profesionalizadas, unha medida que se converteu esta mañá nun dos anuncios do presidente da Xunta durante a súa comparecencia na Cámara galega (ampliar o contrato dos bombeiros forestais de 9 a 12 meses), pero ante a que, segundo recordou Albert, o PP “votou á contra no último período de sesións” en todas as iniciativas que defendeu o Bloque neste sentido.
“Está moi ben que por fin chegaran á conclusión de que o BNG tiña razón ao reiterar esta reclamación e agardamos, de verdade, que non teñamos que vivir outra vaga de incendios coma esta para que cheguen á conclusión de que as brigadas municipais tampouco son o camiño”, reflexionou.
A estas dúas primeiras medidas relacionadas directamente co SPDIF, a deputada nacionalista engadiu a modificación do contido e estrutura do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA) para convertelo nun instrumento “realmente eficaz”, incorporando ao final de exercicio unha avaliación da súa aplicación na campaña anterior e así poder corrixir posibles erros, feblezas ou incumprimentos, e publicando o documento antes do 31 de outubro do ano precedente á súa aplicación, cumprindo deste xeito o establecido no decreto de agosto de 2022 polo que se adoptan medidas urxentes en materia de incendios forestais.
Por último, o Bloque propón crear unha rede de “paradas para o lume” baseadas na produción agrícola e/ou de gandería extensiva que permita minimizar o impacto dos incendios forestais establecendo espazos de agarda que impidan a súa expansión a grandes superficies e afrontar a súa extinción con garantías. Unha proposta esta última que, segundo recalcou Albert, “require dun esforzo real pola ordenación do territorio”.
Neste sentido, indicou que igual que a campaña de 1994 (con máis de 437.000 hectáreas queimadas en todo o Estado) serviu para mellorar de forma histórica os medios de extinción, “sería moi bo que este 2022 servira para principiar con decisión unha auténtica ordenación do territorio que levan tantas décadas postergando ou simplemente esquecendo”.
Segundo recalcou, o que Galiza precisa de xeito urxente é “modificar as paisaxes”, porque coa práctica desaparición dos usos tradicionais debido ao despoboamento “atopámonos cun País que a día de hoxe carece dunha infraestrutura de defensa contra os incendios que debería estar baseada na xeración de discontinuidades, de discontinuidades estratéxicas”.
Un Executivo do PP instalado na propaganda sistemática
A portavoz de Montes do BNG cuestionou con severidade ao Executivo do PP se “aprendeu algo ou vai continuar botando balóns fóra” logo dos gravísimos incendios deste verán e recriminoulle que, pese á “incomprensíbel falta de medios, á precarización do persoal, á descoordinación e á case nula resiliencia do territorio fronte aos lumes” pola ausencia de ordenación do territorio, a Xunta continúe negándose a asumir responsabilidades e a mudar as súas políticas, mentres afonda na súa habitual “propaganda”.
Propaganda que cualificou de “case obscena” no relativo á recuperación do territorio, vendo que as primeiras e tímidas intervencións non se iniciaron ata dous meses despois dos incendios; propaganda que tamén estendeu a Turismo de Galiza, que anunciou “a bombo e prato 90.000 euros, pouco máis do salario anual do presidente da Xunta, para levar visitantes á serra do Courel e a Valdeorras”, despois de miles de hectáreas ardidas; ou propaganda tamén co anuncio dunha comisión interdisciplinar para deseñar un plan de recuperación integral do Courel (non houbo outros similares para outras comarcas duramente castigadas polos lumes como O Barbanza, Oímbra ou Verín) e da que nada se sabe; e propaganda tamén, por último, en canto ás axudas directas, xa que a súa estruturación e requisitos impiden que boa parte da cidadanía afectada polos lumes se poida acoller a elas. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.