O BNG propón modificar os Orzamentos para dotar con 233 millóns de euros para mellorar a Atención Primaria
Pontón empraza a Feixóo a defender o país nos Orzamentos do Estado e advirte que a discriminación a Galiza non se resolve con visitas de Raxoi
Avanza que o Bloque pedirá a reprobación do delegado do Goberno se mantén a súa negativa a comparecer na Comisión contra os incendios
O BNG leva ao próximo pleno unha modificación dos orzamentos da Xunta coa finalidade de destinar 233 millóns de euros a financiar un Plan de mellora da atención primaria, a “gran damnificada” pola política de recortes do PP, pese a ser a porta de entrada ao sistema sanitario público. Así o explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento.
“Ese plan de atención especial á atención primaria ten por obxectivo recuperar persoal sanitario de tal xeito que o número de cartillas por médico non supere as 1.200, dotar de mellores equipamentos os centros de saúde e garantir a cobertura do 100% das baixas”, salientou Pontón, quen lembrou que desde a chegada de Feixóo á Presidencia a atención primaria perdeu 2.000 millóns de euros de recursos dentro da “folla de ruta de recortes e privatizacións do PP que afecta á vida das persoas”.
Neste sentido, o BNG vai tratar no próximo pleno a situación de colapso no Centro Hospitalario Universitario de Santiago, tendo en conta ademais que a Fiscalía remitiu unha denuncia a un xulgado de Compostela por entender que hai indicios de deleito no falecemento dunha doente mentres esperaba a ser atendida no CHUS, “co fin de determinar se houbo neglixencia, unha cuestión que fai saltar todas as alarmas”, subliñou Pontón.
A dirixente do Bloque fixo referencia aos orzamentos do Estado que hoxe foron presentados no Congreso que cualificou de “antisociais” e afastados das reclamacións expresadas pola maioría social na rúa, como é o caso das persoas pensionistas. En concreto, puxo de relevo que o Goberno de Raxoi vai destinar ao rescate das autoestradas radiais madrileñas un mínimo de 2.000 millóns de euros, “o dobre que o anunciado para mellorar as prestacións de 9 millóns de persoas xubiladas que, no caso de Galiza, soportan as segundas pensións máis baixas do Estado”.
En todo caso, o BNG está “expectante” para ver como queda Galiza nas contas xerais, “pero moito nos tememos que van seguir os recortazos e a discriminación con noso país que non se compensa con visitas ministeriais, nin do señor M. Rajoy con anuncios que soan a precampaña para infraestruturas que o propio Goberno do PP leva anos paralizando”. Por iso, Pontón emprazou a Feixóo “a pensar antes en Galiza que na súa condición de militante do PP e defenda os intereses dos e das galegas fronte ao continuo trato discriminatorio do Estado”, e sobre este asunto interpelerá ao presidente da Xunta na sesión de control.
Ourense e Lugo tamén existen
O Bloque tamén levará ao pleno a discriminación das provincias de Ourense e Lugo en materia de transporte ferroviario, cunha batería de medidas para que o interior teña conexións similares en horarios e prezos ás do Eixo Atlántico. Entre as propostas, a posta en marcha dunha compañía pública ferroviaria galega, como xa existen noutras autonomías, encargada de xestionar o transporte por tren de cercanías, apostando polo equilibrio territorial do país.
“Lugo é a única capital de provincia sen conexión directa coa capital de Galiza”, denunciou Pontón a modo de exemplo dunha discriminación que afecta tamén a horarios, abandono das vías, estado dos trens, e ata ás tarifas, como é o caso da estafa do avant nos traxectos cara Ourense que obriga ás persoas usuarias do traxecto Ourense-Santiago-A Coruña a pagar os billetes ata un 60% máis caros.
Flexibilizar os descartes
A Xunta de portavoces aprobou co apoio dos catro grupos volver pedir ao delegado do Goberno que compareza ante a Comisión de investigación dos lumes, tras a súa negativa inicial que o BNG tacha de “despropósito”. “É inxustificable que o Executivo central se negue a colaborar con este Parlamento nun tema de tanta seriedade e transcendencia para o país como é a loita contra os incendios”, salientou Pontón, quen avanzou que de persistir na súa negativa, o Bloque pedirá a reprobación do delegado do Goberno.
Finalmente, o pleno debaterá e aprobará a petición do sector da Pesca unha iniciativa na que se demanda flexibilizar a aplicación do principio de descartes cero promovido pola UE porque, se ben se apoia unha pesca sostible, maximizar a aplicación deste norma suporía a desaparición de moitos postos de traballo no mar.